Após

Quedou atrás un dos días míticos do feminismo. Toca pensar como vai seguir un movemento que medra malia todas as súas contradicións.

Vivín este día en Bos Aires, onde a forza do sunami verde é abraiante. Tamén hai diferencias, madía leva, mais, o norte inmediato, a legalización do aborto, non se discute. A marcha descomunal, os drons deron conta da súa magnitude, tiña claro que hai que obrigar aos Estados a combater os feminicidios. E houbo unha enorme maioría abolicionista. As novas, as vellas, as que non son nin novas nin vellas, estabamos alí formando parte orgullosa desa marea verde interminábel. Nin a choiva nin a tímida aparición do próximo outono amainaron a presenza de mulleres da capital e o conourbano. O berro: Alerta, alerta, alerta que camina/ el feminismo por la América Latina, quedou evidenciado polas marchas globais, e, sobre todo, as de Chile e Arxentina.

Polo que lin, as marchas na Galiza foron masivas e combativas, coma sempre. A unidade do feminismo galego semella estar a resgardo de antinomías. Mais, tamén polo que lin, non foi así no resto do Estado. Pelexas interminábeis que só benefician o lobby proxeneta (ha ser quen está detrás delas), fixeron un fraco favor a esta loita de séculos. Somos responsábeis, TODAS, da deriva dos feminismos. De que a nosa loita acade, por nós e as que as que veñan, un triunfo que é de xustiza. De nós depende que a sororidade poida máis que os cabaliños de Troia lanzados. Que non confundan as nosas consignas, que non ignoren os nosos obxectivos. Avanzamos xa xuntas. Probemos o que é escoitármonos e entendérmonos.