8M

Outro 8M e todo o peixe sen vender. Non remataron as agresións ás mulleres, nin nos diminuíron os feminicidios, nin a brecha salarial, nin se despenalizou o aborto (mulleres e nenas morren por abortos clandestinos ou son apresadas por abortar), nin se aboliu a prostitución e se prohibiu o mercado de ventres de mulleres pobres, fabricando fillxs para quen pague. 

Non esperabamos que se resolvesen miles de anos de patriarcado aínda que as nosas revoltas fosen cada vez máis masivas e contundentes. Terán que saír ás rúas nosas fillas e netas.

Na Arxentina, onde me atopo, as liñas para o 8M baséanse na esixencia da lei da interrupción voluntaria do embarazo, o fin dos feminicidios e travesticidios, ademais de pór o aceno nas loitas locais: as ditaduras de Chile e Bolivia, a vulnerabilidade de mulleres e nenas indíxenas, as diferenzas salariais e a necesidade de sentírense libres e non valentes ao volver a casa.

No Estado español as premisas deste 8M deslíganse dunha cara reivindicación para a maioría de nós: a abolición do sistema prostitucional que nos escraviza a todxs. Din que para non aumentar as gretas que se veñen producindo nesta cuarta onda. Tamén hai unha disposición á inclusión de colectivos que se senten discriminados polos feminismos. Hai debates e son interminábeis. Non se podería entender doutro xeito un movemento diverso que medra en todo o mundo.

Cando eu era nova militaba en organizacións revolucionarias, que discutían ardorosamente con outras cos mesmos obxectivos, dicíamos: os feitos únennos, as palabras sepárannos. Que nada nos desuna: nin feitos nin palabras.