A xestión directa do SAF: un acerto en Sober

O Servizo de Axuda no Fogar é un servizo básico e irrenunciable dos que ofrece o Concello de Sober e un dos que máis recursos públicos consome, aínda que unha parte importante é financiado a través da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

En Sober decidimos apostar por unha xestión directa e, tras anos facéndoo deste xeito, estamos convencidos de que eliximos a opción correcta, posto que o servizo funciona razoablemente ben, o que non significa que noutros concellos poida funcionar a xestión indirecta. En Sober temos un cadro de persoal de 20 auxiliares, dúas traballadoras sociais e unha educadora de familia.

A clave da xestión directa reside en que o Goberno coordine ben o servizo. O persoal depende do Concello, polo que para nós, un municipio pequeno, esta é a mellor forma de que todo funcione á perfección. É básico coñecer ben o territorio para darlle o servizo a quen o precise e que se faga no menor tempo posible. No Concello de Sober prestamos o servizo á dependencia, que é por valoración, e tamén o servizo de axuda libre, que é cando desde os servizos sociais municipais se estima que alguén precisa a atención, ás veces de xeito provisional.

Se tiveramos que dar algúns dos detalles desa aposta pola xestión directa, serían os seguintes. A xestión directa é máis rendible para o Concello de Sober que a xestión indirecta. Cando levamos a cabo a contratación dunha empresa privada porque non se conta con persoal propio na bolsa de emprego, o investimento económico que ten que facer o Goberno local é superior que cando bota man dos recursos propios.

Temos un coñecemento maior das necesidades dos usuarios e usuarias porque se ten un contacto continuo con eles e co persoal que executa o servizo. A través de chamadas, visitas domiciliarias e entrevistas, coñecemos de primeira man a satisfacción co servizo, coa persoa que o executa e a evolución de cada persoa. Isto último é importantísimo para valorar se o servizo segue a ser o axeitado, se é necesario levar a cabo un incremento no número de horas, unha nova valoración de dependencia ou se o recurso xa non é a adecuado, facendo os cambios que se consideren.

O contacto é máis próximo, de maneira que a confianza entre o usuario e o coidador é maior. Sempre acode a mesma persoa á casa, agás en días puntuais, como baixas ou vacacións, e nese caso, sempre acode xente do cadro de persoal, á que coñecen. Isto permite que os usuarios e usuarias estean máis tranquilos porque, como eles mesmos recoñecen, meter á xente na casa pode xerarlles desconfianza.

Normalmente as condicións das prestadoras do servizo son máis axeitadas, posto que o Goberno local vixía que os contratos non varíen, que estean sempre contratadas coas mesmas horas e que se se quedan con horas libres por baixa dunha persoa usuaria, non se lles reduce o horario, polo o tanto, cobran o mesmo. Isto permítelles que teñan unha maior seguridade económica.

O Concello de Sober mantense ademais próximo ás auxiliares, ademais de aos usuarios e usuarias, coñecendo a súa satisfacción co servizo e coa xestión. Teñen unha canle aberta continua a través da que canalizar as súas inquedanzas, demandas, queixas, etc.

Por todo o anterior, pensamos que a xestión que estamos a facer nos permite estar preto dos veciños e veciñas potenciais usuarios do servizo, así como dos que xa son usuarios achegando os recursos en base ás súas necesidades e adaptándonos rapidamente a elas. Deste xeito o servizo préstase sempre a quen o precisa e a atención é a mellor posible.