Dependencia
A antropóloga Margaret Mead dicía que o primeiro signo de civilización é a descuberta dun fémur cunha fractura curada. Isto implica que alguén rompeu unha perna e viviu o tempo suficiente para que o óso soldara. Polo tanto, outras persoas tiveron que ocuparse do coidado dese individuo. Referirse ás persoas que precisan coidados físicos como dependentes parte da ilusión de que existen individuos independentes. A fantasía capitalista da absoluta autonomía individual cala cada vez máis na nosa mentalidade. Por sorte, os seres humanos só nos desenvolvemos no social, no comunitario e no interdepentende, que por outra banda é o que permite a existencia da civilización e da tecnoloxía. Non sei como sería unha especie intelixente non social, porque non parece posible que sen o contacto coas outras exista a linguaxe, a arte ou a cultura, que no fondo son formas de comunicación.
A nova reforma da lei de dependencia pretende prescindir para o cálculo das axudas do informe social, afondando un pouco máis na fantasía de que vivimos no baleiro, sen condicións sociais e materiais, sen contorna e sen rede. As axudas e os apoios que precisará unha persoa non van depender unicamente das súas limitacións, senón tamén do medio no que viva e dos recursos dos que dispoña. No exemplo máis obvio, alguén cunha perna rota (o famoso fémur de Mead) é menos dependente nunha casa de planta baixa que nun cuarto andar sen ascensor. Ao meu entender, a lei xa parte coa eiva de prever axudas económicas en lugar de crear recursos, polo que é moi doado desactivala politicamente sen necesidade de derrogala. Diminuír orzamentos, minguar o persoal valorador e aumentar os baremos para que sexa concedida son xeitos sinxelos de que cada vez chegue a menos xente e todos e cada un deles aconteceron nos últimos anos. Valoracións que tardan anos, axudas que chegan aprobadas despois do falecemento da beneficiaria ou casos con elevadas necesidades de coidado ás que os baremos non consideran que lles faga falla nada. Para "axilizar" os trámites, agora chega a ocorrencia de eliminar o informe social, que é precisamente o que dá a medida das necesidades e das posibilidades de axuda de cada persoa. Como se o social fose un trámite burocrático máis, un papel que ninguén le e que supón un atranco, en lugar de entendelo como o que é, o núcleo da cuestión.