BIC a foliada: Que siga o baile

Pasaron dous anos longos de peste e este outono a tempada de seráns e foliadas agromou vizosa. Rematou un tempo de resistencia, de imaxinación e creatividade que mantivo acesa no colectivo foliadeiro a ilusión da volta á normalidade. E velaquí a temos: de norte a sur, de leste a oeste da nosa terra, voltamos aos turreiros de inverno. Coma sempre. As fins de semana ateigadas de foliadas, ruadas, seráns, polavilas, fiadeiros… son a nosa normalidade, e a ela voltamos. 

Unha normalidade que está de parabéns, ademais, coa publicación do Informe Técnico para a incoación da “foliada” como Ben de Interese Cultural [1]. Un texto excelente encargado pola Xunta á Asociación Galega de Antropoloxía (Agantro), quen seleccionou unha equipa de traballo composta por antropólogos e musicólogas de longas titulacións que amosan un enorme compromiso coa nosa tradición viva, coa xente que estamos arredor da foliada, e en definitiva cun país orgulloso de seu. Beatriz Busto, Xulia Feixoo, Rafael Quintía e Félix Castro ademais dese perfil académico que amosan no informe son tamén parte do colectivo foliadeiro, e iso déixase notar no rigor e na sensibilidade con que está feito o informe.

Tan boa nova tiña que ser celebrada e divulgada, e así o fixemos dende o grupo de traballo Arredor da Tradición, no que contamos ademais cunha das asinantes do informe, Xulia Feixoo. Aló foron para as nosas redes sociais dez tarxetas con cadansúa cita extraída do informe e con cadanseu lema. Unhas pequenas pinceladas extraídas dun texto que hai que ler enteiro e de vagar. Un texto que aborda a foliada en múltiples vertentes, dende a perspectiva histórica á situación actual, que identifica o colectivo de portadoras do Ben, que expón os seus riscos e fortalezas, e que propón ambiciosas medidas de salvagarda. Nos anexos podemos atopar unha colección de ducias de carteis de foliadas, ou unha listaxe por comarcas das denominacións tradicionais do Ben, ata superar as trinta en todo o país: foliada, fiada, fiadeiro, pandeirada, ruada, rúa, serán, trisca, polavila, baile, festa…

No informe trátanse cuestións tan transversais como que a foliada “posibilita o mantemento da cultura galega a través da inmersión musical e lingüística”, unha cultura viva que nestes eventos supera “a espectacularidade dos modelos folclorísticos e elitizados da música e do baile”.

Defínese como un evento interxeracional de interrelación, no que as persoas máis novas se “reapropian dos modelos musicais patrimoniais”, para logo compartir ese modelo con outros iguais, convertendo as foliadas en “lugares privilexiados para a pervivencia, conservación e reintegración da música e baile tradicionais”. Unha rede enorme de foliadas que é mérito colectivo da nosa autoorganización, definida en si mesma como garante da continuidade do Ben, tal e como está a quedar patente nesta volta á vida pospandémica.

Entre as medidas de salvagarda propostas atópase un dos temas que xa tratamos nestas páxinas, a creación dun arquivo audiovisual público e aberto, “que garanta o acceso de todos os galegos e galegas ás fontes primarias relacionadas coa foliada”. Tamén outras medidas ambiciosas no ámbito público como “dotar de permisos, axuda loxística e da flexibilidade administrativa necesaria”, pensando sobre todo nos contextos urbanos; ou a tan necesaria atención dos medios de comunicación, con contidos “que se afasten de modelos estereotipados da cultura e dos procesos de conxelación 
folclorística”.

A tradición non parou dende aqueles anos noventa en que unha xeración de mozos e mozas comprometidas teimaron porque aquilo que vían nas aldeas volvese á vida na Galiza do século XXI. Aquela teimosía floreceu vizosa e aquela semente é hoxe xerme dun informe que retrata o meritorio camiño andado, e que anima a toda a cidadanía galega a atender a un fenómeno que ten tanto de patrimonial e de identitario como de celebración feliz: a foliada.

[1] Informe técnico para a incoación da foliada como BIC (agantro.org)