Mal síntoma

Cumpriuse o corenta aniversario do Estatuto de Autonomía de 1981. O único, de todas as CCAA, que nunca foi reformado en todo este tempo, non digamos xa intentado substituír por outro como en Catalunya ou Euskadi. Segue a ser o marco legal que orienta a política da Xunta de Galiza. Co gallo do aniversario chegou mesmo a argumentarse que a carencia de reformas era a proba de gozar de boa saúde. Sen dúbida confúndese saúde política con encefalograma plano, calma chicha. Nada habería que reclamar neste aspecto nunha sociedade abafada por problemas críticos mesmo na súa base económica.

Partillo plenamente a análise de o marco autonómico, coas limitacións constitucionais e a xurisprudencia a este respecto, non falemos xa de como foi, case sempre, e é usado na Galiza, ser un beco sen saída para enfrontar con capacidade os nosos problemas. Porén, tamén considero que situar a esperanza a longo prazo nun horizonte autodeterminista e/ou independentista, como esquema ou predicación exclusivamente ideolóxica, conduce a dous perigos: a) irrelevancia práctica para incidir na maioría do corpo social, pois non se aproveita e/ou optimiza  a posibilidade de, a partir de conflitos reais e obxectivos a curto prazo con reflexo nas institucións e na sociedade, elevar a conciencia nacional; b) agochar con discursos radicais en datas simbólicas, unha práctica continua de reclamacións sociais e económicas dentro do marco, sen que se incida en algunhas mudanzas, teoricamente posíbeis, axudando así a comprender a necesidade de superalo. Na Catalunya produciuse unha mutación de mentalidade social grazas a unha experiencia colectiva: a elaboración dun novo Estatut á altura das necesidades, e logo de pasar todos os requisitos legais para a súa aprobación, incluída a peneira das Cortes, ser baleirado polo Tribunal Constitucional.

O noso reto é como facer para unha sociedade, inzada de conflitos socio-económicos, culturais e lingüísticos, superar o seu nivel de conciencia política práctica sobre si mesma, abandonando o seu conformismo cun autonomismo, degradado aínda máis pola maioría dos seus gobernos. Soportamos un cinismo gobernamental que xustifica a súa impotencia para solucionar os problemas co argumento de non ter competencias, ao tempo que manifesta unha aversión paralizante para reclamalas. A Xunta, co seu presidente ao fronte, é ariete negando a existencia política do pobo galego, desde dentro da propia Galiza. Urxe romperlle este xogo perverso desde dentro. Indicarei algúns temas competenciais de debate e socialización urxente á luz do que está a pasar: a necesidade de contar con policía integral propia. Estamos satisfeitos coa Garda Civil controlando as nosas rías e as nosas estradas?. A policía do Ministerio do Interior é a apropiada, por formación e obxectivos, para garantir a nosa seguridade? É o momento de nos dotar dalgúns mecanismos e institucións públicas para impulsar o desenvolvemento autocentrado da economía galega. Necesitamos estabelecer unha legalidade, de obrigado cumprimento, para o noso idioma ser, cando menos, a lingua preferente dentro de Galiza, de forma que os dereitos dos seus utentes estean garantidos. As relacións con Portugal, en especial as transfronteirizas de todo tipo, hai que regulalas con dereitos e deberes que asuman as administracións públicas. E moito máis, incluídos os cárceres….O resultado verase. Seguramente as dificultades serán maiúsculas e as negativas frontais mesmo tendo a reclamación cobertura legal. Porén, o importante é saírmos desta abulia. Que as contradicións, e tamén os logros por pequenos que foren, axuden a tomar conciencia de a necesidade de o pobo galego se responsabilizar do seu futuro, desde o seu presente xa.