En beneficio seu e do españolismo

A Declaración de Santiago sobre financiamento autonómico, saída da reunión de presidentes autonómicos asistentes á convocatoria de Feixóo, si algo deixou claro foi a defensa da actual estrutura do Estado, da Constitución de 1978 e do modelo autonómico vixente. Desta forma, os oito mandatarios das CCAA, do binomio PP-PSOE, en especial,  que contribuíron a este acto de propaganda, estaban manifestando, ao mesmo tempo, a súa absoluta incapacidade legal para os seus gobernos decidiren nada de calado político, económico, social ou cultural verbo das sociedades que din representar. Non de outra forma pode entenderse que todas as súas reclamacións, de calquera ámbito ou tema, se expresen como peticións ao Executivo estatal, e en nome da unidade de España e da solidariedade. Tratouse, por tanto, dun acto para reafirmar unha concepción ideolóxico-política que pon como obxectivo central a consolidación da idea de España nación única, e a sacralización dunha mera descentralización administrativa do Estado. Non foi a defensa dos intereses de Galiza o que moveu Feixóo a argallar esta escenificación de monifates, sen percorrido algún. Usouna máis unha vez para as súas aspiracións persoais na política de ámbito estatal, prexudicándoa gravemente. A homologación de Galiza, tal e como se fai na Declaración de Santiago, coas rexións que conforman a base cultural e lingüística de España, é unha forma de asimilación destrutiva. A homologación da nosa estrutura económica e social e da nosa tradición histórica coa delas só pode servir para unha maior subordinación e desatención dos nosos problemas específicos. Parece que a obsesión do presidente de Galiza é anular o seu perfil de nación diferente. Hai que apontoar a idea de que vivimos de España e da solidariedade que o Estado garante entre as comunidades ricas e a as pobres. Non se quere a transparencia, nen a suficiencia nen a autonomía reais, nen responsabilidade. Se se cobrasen todos os impostos na Galiza e logo transferísemos nós ao Estado só o custe das súas competencias aquí, veríamos con claridade quen sostén a quen, quen soporta a quen. É o Estado, esa España nación única e absoluta, a que se ergue sobre o sustento que as nacións e rexións lle fornecen. Esta é a realidade, non a ficción coa que nos adurmiñan. O sistema de concerto para as nacións que conforman o Estado mudaríano de facto nun modelo federal orixinario. E iso é tabú para o españolismo, para os poderes empeñados en manter unha xerarquización, unha desigualdade imperial, impropia dun Estado democrático.

Non é casual que, no documento devandito, se note a ausencia dos intereses específicos de Galiza (pesca, proceso de desindustrialización, retroceso da nosa lingua, eliminación da agricultura, tipo de despoboamento...). Contrasta coa referencia específica á necesidade de que a norma europea sobre zonas despoboadas  e as axudas que contempla, se poda aplicar a Teruel, Soria e Cuenca tamén, incluíndo os territorios desde 12,13 h. por km2 para abaixo. Ou co feito de citarse a extensión do territorio como primeira variábel a considerar, para alén da poboación, na financiación autonómica. Pretender facer méritos, argallando frontes contra Catalunya e o seu desexo de negociar de forma bilateral co Estado, conduce a cavar máis fondo a discriminación e marxinación de Galiza. O peor é que a Feixóo non lle preocupa. Aos tres días da cita santiaguesa, xa se reunía cos presidentes autonómicos do PP para acordar as liñas xerais da negociación do financiamento autonómico. E aí os criterios de Madrid e Andalucía van a misa, xustamente antagónicos aos de Galiza, de se tratar de reformar só o modelo actual. Negociando dentro do modelo, Galiza irá perdendo porcentaxe no conxunto, como vén pasando desde hai anos. Agravará a súa insuficiencia e a falta de autonomía.