Quen moito se gaba, pouco ten

[Xoán Costa]

Ben pouca confianza debe ter o Estado español en ser un sistema igualitario en dereitos e liberdades se fixermos caso da unánime liña argumentativa das autoridades, en calquera nivel de responsabilidade, ao insistir tanto, durante a héxira monárquica, en defender a “presunción de inocencia “ do rei emérito.

É evidente que a presunción de inocencia é un dos piares básicos en que ten que asentar o "Estado social e de Dereito" que proclama a Constitución. Mais tamén é innegábel que ese piar ten que ir á par doutro igual de sólido: a capacidade para, nun sistema parlamentar, o Parlamento poder investigar os poderes que nel se sustentan e que del emanan.

Investigar non é culpar de nada e por iso resulta aínda máis revirado argumentar que o rei non está acusado de nada sabendo que non se pode investigar se hai ou non algo de que acusar. Como sabemos ben que esa presunción de inocencia non se ten aplicado igual para todos, igual é bon acreditar na fiabilidade expresada no dito "quen moito se gaba, pouco ten".