Prohibido enfermar

[María Obelleiro]

A situación de extrema gravidade na que se atopa a Atención Primaria é tal que a Consellaría de Sanidade enviou aos centros de saúde da área sanitaria de Vigo cun déficit de médicas e médicos de familia de 50% unha circular na que impón a restrición da actividade asistencial só a casos de urxencia ou relacionados coa Covid-19 até o día 10 de xaneiro. De feito, obriga o persoal a anular citas de actividades programadas que poidan demorarse. A pandemia colleunos a todas e todos por sorpresa: desorde, imprevistos, bloqueos... mais case dous anos despois non ten xustificación ningunha que Sanidade receite á Atención Primaria máis recortes e non máis investimento e máis persoal. Nos orzamentos para 2022, o Goberno galego consignou menos diñeiro para a Atención Primaria que nas contas de 2021, como se o colapso non fose tal e como se non houbese que agardar 15 días para poder ser atendida neste servizo. E non esquezamos as e os profesionais da sanidade pública, que sofren un nivel de estrés e de falta de respecto por parte da Consellaría nada desprezábel.