#MadridSplaining

[María Obelleiro]

"Me estoy volviendo gallego". Só bastou esta frase, proferida por García Egea nunha entrevista en La Sexta cando a xornalista lle reprochou que non respondese de forma directa, para que aflorase a galegofobia latente, tamén nos medios españois considerados "progres". El País publicaba onte un artigo de opinión dun dos seus reporteiros de cabeceira titulado "García Egea se vuelve gallego en la tele". Cun subtítulo que se refire ao papel "temperado" do ex secretario xeral do PP. Un García Egea, ese que "se vuelve gallego en la tele", do que o xornalista di que estaba "vestido co traxe de perdedor" e ao que atribúe un "impulso sadomasoquista". "O bo do conto", "tenso", "acovardado", "dubitativo", "con medio sorriso", "até daba pena ás veces", "... buscando as palabras xustas para conseguir non dicir nada de novo"... son palabras coas que se refire a este Egea B que "se vuelve gallego", fronte ao "tipo botado para adiante", "ao que lle gusta medirse cada vez que sae a correr", "o que compite até lanzado ósos de oliva", "ambicioso e seguro de si mesmo"..., que debe ser o español.

Nese exercicio de MadridSplaining, explícasenos quen somos, sempre seguindo os seus prexuízos e estereotipos. Unha animadversión que xa expresaran desde Cervantes a Góngora, pasando por Lope de Vega e Tirso de Molina e á que o profesor Peres Vigo puxo nome: galaicofobia.