Liberar patentes

[María Obelleiro]

A saúde debe prevalecer sobre os intereses económicos, mais non é así. A estratexia das vacinas contra a Covid-19 da UE segue sen dar resultados. Resulta inintelixíbel que, cos atrasos na inmunidade provocados polas restricións do fármaco de AstraZeneca e pola suspensión do de Janssen non se busquen alternativas para adquirir outros antídotos fóra do bloque atlantista ou para liberar as patentes.

Existen mecanismos excepcionais na lexislación internacional para que as farmacéuticas que dispoñen de vacinas de eficacia e seguridade probada -e que para a investigación contaron con diñeiro público- abran de maneira temporal as patentes para que máis laboratorios poidan producir co fin de poder inmunizar a poboación canto antes. Se aquí existen problemas para acceder ás vacinas, imaxinemos a situación das zonas máis empobrecidas do planeta.

Estamos nunha crise sen precedentes e saír dela canto antes é cuestión de saúde pública, de vidas e tamén de cartos. Ou por que Merkel negocia con Rusia a compra da Sputnik? A un maior ritmo na vacinación, unha recuperación económica e social máis rápida.