Investir no medo
[Xoán Costa]
Resulta irresponsábel, e politicamente reprobábel, que unha boa parte dos gobernos do mundo gasten máis en armas do que invisten en educación. E máis irresponsábel aínda é que desde o poder se manipule a linguaxe para facernos crer que o que non é máis que un negocio lucrativo para a industria armamentista se nos presente como necesario investimento en seguridade. Como se a dobre fala puidese disfrazar a realidade. Como se nos puidesen convencer de que educar menos e armar máis é unha estratexia sensata e eficaz.
O "non á guerra" volta con forza á rúa porque o silencio institucional encobre un consenso perigoso e profundamente cínico. Mentres América entoa cantos belicosos —exixindo máis gasto militar, ameazando con represalias— Europa – infeliz raposa que anda aos grilos – cala e consente. Optar pola disuasión no canto da prevención, polo medo en lugar da cultura, polo conflito fronte ao diálogo, non é unha opción asumíbel. E quen debería marcar a diferenza —os autoproclamados grandes líderes europeos— agochan a cabeza, cunha man tapan os ollos e coa outra entregan armas a quen mellor as pague.
E se tamén nós calamos, se aceptamos esta linguaxe que fai equivalentes as bombas á garantía colectiva, daquela tamén estamos a investir —non en tranquilidade social— senón en medo. E xa se sabe: cando calamos, consentimos.