Grallas de lei
[Xoán Costa]
O 28 de xuño de 1936, Galiza vota o Estatuto de Autonomía. Poucos días despois, a barbarie fascista sementa o país de morte e represión. Castelao é unha das moitas persoas que teñen que ir ao exilio, onde morre en 1950. O 28 de xuño de 1984, os seus restos son trasladados a Bonaval. Alí xa repousaban Rosalía (1891), Brañas (1906), Asorei (1961) e Cabanillas (1967). Aínda non estaba Fontán, cuxo traslado tivo lugar en 1988. Bonaval é hoxe o Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, recoñecido pola Lei 5/2023. Porén, a exposición de motivos desa lei contén erros —chámenlle grallas, se quixeren— que vimos advertindo: asegura que Castelao foi o derradeiro soterrado, sitúa erradamente en 1968 o traslado de Fontán e conclúe que desde 1984 non houbo máis enterramentos. Sexa por gralla ou por ignorancia, o certo é que ninguén corrixiu. E avisos houbo. Poden parecer erros menores, mais o feito de apareceren nunha norma que outorga categoría simbólica ao Panteón revela, como mínimo, indiferenza pola historia da Galiza e polos seus referentes. O Parlamento non pode ser partícipe da manipulación da nosa memoria colectiva e, neste caso, o seu proceder afástase da verdade. Urxe corrixir. Por respecto a esas seis persoas alí enterradas, si, mais sobre todo por respecto a nós. As grallas da lei non poden ser soporte dunha historia mal contada.