En galego sen límites

Mais unha vez, este 17 de Maio voltamos a constatar que hai poucas causas que mobilicen máis a sociedade galega do que a defensa da súa lingua. Miles de persoas tomaron as rúas de Compostela para demandaren outro status para o galego, aquel que lle corresponde como a lingua propia do país, o maior patrimonio criado polo noso pobo ao longo da historia. Ese outro status para o galego só poderá vir da man de outra política lingüística. É certo que non todos os problemas do idioma se poden resolver desde a Administración, mais se o goberno non é aliado, senón adversario, os males que aqueixan a lingua non farán máis que se agravaren.

A mobilización social a prol do galego, porén, debe ser sostida no tempo, non pode ficar nun acto isolado. Ha de enchoupar toda a vida do país. Ou somos activistas os 365 días do ano ou as forzas que militan contra o galego acabarán por imporen a súa lei. Nese sentido, é de aplaudir o traballo de organizacións de base como a Mesa pola Normalización Lingüística e iniciativas como a recente ILP para a normalización do galego no ámbito socioeconómico.

Ou somos activistas os 365 días do ano ou as forzas que militan contra o galego acabarán por imporen a súa lei

Sen o galego este país acabaría literalmente por desaparecer, condenado a ser unha provincia marxinal do Estado. O galego é a chave para sermos o que somos, unha nación con tantos direitos como a que máis. Por iso vainos a vida na súa defensa.