Carbón para Rueda

[María Obelleiro]

Se algo merece o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, é carbón. Meréceo por todo o desleixo que leva ás costas na súa traxectoria como xefe do Executivo –mais non esquezan aquela etapa na que se manifestaba da man da asociación galegófoba Galicia Bilingüe contra o idioma propio da Galiza–. O pasotismo é tal que nin sequera estivo –mais as galegas e galegos si o esperabamos– nas zonas máis afectadas polo temporal da fin de semana. Nin el nin ningún conselleiro ou conselleira se dignaron a comprobar, in situ, os danos provocados pola intensas chuvias.

Mais isto non se debe só a que o equipo de Goberno estea de vacacións –que supoñemos que estará, á vista de que non houbo esta semana Consello da Xunta–, débese á propia natureza dun Executivo máis preocupado por facer oposición á oposición que por xestionar e mellorar a vida das galegas e galegos.

Merece carbón por toda a política de desmantelamento da sanidade pública; polo abandono dun monte convertido nunha polvoreira; por gobernar en defensa dos intereses das persoas máis ricas e das grandes empresas enerxéticas; por facer da Galiza un territorio de proveito para multinacionais; por ignorar e mesmo discriminar a lingua galega; por excluír Nós Diario das axudas á prensa escrita por non calarmos as vergoñas do Goberno que dirixe. E seguiríamos coa listaxe... mais non fica espazo!