Leopoldo López, moito máis que unha anécdota

A presenza do dirixente da oposición venezolana Leopoldo López en Galiza a semana pasada pode semellar unha anécdota, pero non estamos a falar dunha persoa calquera que farta dun ano de restricións salta a norma para ir visitar un familiar ou pasar os días festivos na segunda vivenda. O comportamento de Leopoldo López e de quen estaba con el, nada menos que un membro do corpo diplomático español, son mostra da chulería e o clasismo de quen se consideran superiores ao resto e entenden que as normas só son válidas cando lles favorecen.  

Levan anos presentándonos a Leopoldo López como unha especie de mártir, un demócrata perseguido polo goberno bolivariano que pode salvar Venezuela da cruel ditadura, e que como a súa vida estaba en grave perigo tivo que fuxir coa súa familia. Esa imaxe é divulgada unanimemente pola maioría dos medios de comunicación, impoñéndose neste caso como noutros unha biografía fabricada sempre ao servizo do politicamente correcto, é dicir, sempre ao servizo dos intereses do capital, e no caso de Venezuela sempre ao servizo dos EUA.

Pero realmente Leopoldo López non é máis que un representante da oligarquía que durante décadas gobernou Venezuela como a súa propiedade particular. Unha oligarquía que viu perigar o seu status coa chegada de Hugo Chávez, dado que Chávez non era un gobernante disposto a manter o bipartidismo establecido no sistema de puntofixo ao remate da ditadura de Pérez Jiménez en 1958. E aínda por riba poñía en práctica medidas que convertían ás masas que malvivían nos ranchitos en persoas que por primeira vez contaban na sociedade, facéndolles ver que tiñan dereitos.

Leopoldo López naceu nunha familia millonaria, estudou nas mellores universidades dos Estados Unidos e sempre viviu como quixo desfrutando da posición social, política e económica da súa clase; por tanto non é estraño que en determinado momento se converta nun dos líderes da oposición ao goberno de Hugo Chávez e despois a Nicolás Maduro, pois como recoñeceu o seu pai –actual eurodeputado do PP- desde pequeno o seu soño era convertelo en presidente.

López contou co apoio dos EUA por medio da NED (entidade coñecida por formar e financiar e grupos que desenvolven accións de desestabilización en estados cuxos gobernos non son submisos aos intereses do imperio) na creación e elaboración da estratexia do seu primeiro partido político, e chegou a alcalde  de Chacao, un dos concellos máis ricos de Venezuela. Pero xa desde o inicio da súa actuación en política se decantou polos chamamentos á actuación violenta, algo que lle creou problemas con outros sectores da oposición, que sendo contrarios  a Chávez e a Maduro entenden que as posturas de López poden levar ao país a un enfrontamento civil.

O seu nome está presente en todas as conspiracións para derrocar pola forza ao goberno venezolano, desde o fracasado golpe militar de abril de 2002 até a última tentativa de 2019, sendo ademais quen convocou as guarimbas, protestas violentas que en 2014 e 2017 provocaron a morte de máis de 150 persoas, algunhas delas queimadas vivas na rúa polos apoiantes de López por ser chavistas.

Este é o Leopoldo López que leva meses en Madrid protexido polo goberno español; alguén que acompañado da súa familia e do seu amigo e anterior embaixador en Venezuela, decide saltar as normas que impiden desprazarse a Galiza para pasar a Semana Santa na vivenda ilegal de vacacións do seu amigo; alguén que cando o collen na allada ten a chulería de dicir que está aquí reuníndose con venezolanos que foron torturados polo chavismo.

É certo que Venezuela vive unha situación moi difícil, e podemos ser o críticos que queiramos co actual goberno, pero nin Leopoldo López é un demócrata nin quen o defenden buscan mellorar as condicións de vida do seu pobo. A situación de Venezuela débese fundamentalmente ao bloqueo e a agresión continuada por posuír unha das reservas máis importantes do planeta en fontes de enerxía e materias primas, e López representa a unha oligarquía coa que os EUA, o estado español e a Unión Europea facían moi bos negocios.