Estatuto

Corenta anos do Estatuto. Xorden, aquí e alá, dúas grandes reflexións. Unha láiase porque este período non fose aproveitado por un soberanismo reacio a normalizar a súa relación coa norma. A desconfianza co Estatuto permitiría á dereita apropiarse do galeguismo cultural e pechar o paso ao galeguismo político. A outra sinala que o texto de 1981 naceu fanado e que o nulo aproveitamento do mesmo por parte do país así o demostraría. Este carácter eivado do Estatuto vixente faría necesaria a súa superación con formas novas de recoñecemento político.

Ambas visións teñen a súa parte de verdade. De contar con gobernos dispostos a exprimilo, o Estatuto tería sido útil ao país. Mais o Estatuto non se pode reducir só ao texto legal sen ter en conta o campo de forzas do momento. Dado que o Estatuto galego xogou un rol na dialéctica que establecían no Estado os estatutos catalán e vasco, estes si impulsados polo nacionalismo, é dicir, posto que o Estatuto era parte dunha pugna entre forzas centrípetas e centrífugas, as posibilidades, daquela, de que a norma galega fose aproveitada por forzas progresistas eran poucas tirando a nulas. O papel reservado para Galiza no contexto no que se aproba un Estatuto con máis apoio mediático ca popular é aquel no que o PSOE colaboraría na conversión do país na terra de xubilación de Fraga. Actitude, esta, na que recuncaría boicotando toda alternativa nos tempos de Francisco Vázquez, cando o nacionalismo xa aceptaba o marco estatutario. E papel que segue a xogar no presente como quedou claro nas eleccións galegas de 2020.

Os procesos de autocrítica, en 2021, cando asistimos ás nefastas consecuencias da “módelica” Transición deberían ser asumidos por todos. Por quen non soubo ser máis posibilista en 1981 pero tamén por quen, cun exceso de optimismo, avogaba por aceptar todo o que, á postre, nos conduciu ao momento actual en que estatutos aprobados democraticamente son “cepillados” e en que o TC tumba leis autonómicas coma se non houbese un mañá.

Aproveitar o aproveitable do Estatuto en 2021? Sen dúbida. Gobernar a Xunta en 2024 debería ser o obxectivo principal da oposición. Saber que o marco legal está hoxe aínda máis eivado que en 1981? Tamén. Ao proceso recentralizador español hai que engadirlle, desde 2011, a reforma da Constitución que, de facto, impide políticas económicas socialdemócratas en calquera administración. Velái por que aspirar á superación do actual marco non é un capricho.