Do xurídico e o político

Oxuíz Xermán Varela deixaba nunha entrevista reflexións de interese sobre dereito e institucións. Dicía tamén que a esquerda, enchoupada de marxismo vulgar, trata o dereito como algo secundario a respecto da base económica. Defender as institucións contra o neoliberalismo e o totalitarismo é revolucionario, aseguraba.

En realidade as esquerdas envorcan todos os seus esforzos no institucional. Case inexistentes como movemento autónomo, os partidos non fan senón aproveitar os ocos para facer a política posible nas institucións. Esforzos sempre circunscritos ao que non sexa política económica. Tamén aí rexe un Totalitarismo.

Desde o estritamente xurídico, Varela ten razón en reivindicar algunhas das bondades da lei. Non só no que respecta aos dereitos civís senón tamén a outros aspectos como o dereito á vivenda ou ao traballo digno (a maioría papel mollado). Mesmo a distinción entre nacionalidades e rexións podería computarse coma un logro vista a involución do tema nacional. Pero existen outras facianas menos amables. Por apropiarme dos termos do xuíz: a C78 ten a peculiaridade de contar con trazos propios do totalitarismo franquista que a tutelou (o papel político do exército e da coroa) e trazos neoliberais (o artigo 135). No medio, os magros logros nacionais e sociais: federalismo vergonzante e keynesianismo extemporáneo precisos para lexitimar o posfranquismo antes de que o neoliberalismo triunfase.

O ex presidente do Constitucional, Pedro Cruz Villalón, describiu este agosto en El País cal é o papel político da C78. Recoñecía aquilo que Castelao sabía sobre o E.E :que fóra feito de arriba a abaixo. Algo que para Marx tiña que ver coa separación entre o formalismo imperial absolutista e a pervivencia das liberdades locais dos pobos.

Para Villalón, a C78 é homologable no xurídico ás doutros Estados europeos, mais non a nivel político: "Esto es así por la debilidad que [] manifestan aquí otros mimbres de construción de la identidad de una nación. [...] algo tan elemental como son los propios símbolos de un Estado: la bandera, el himno, la fiesta nacional, la dinastía reinante []. En estas condiciones la Constitución, la de 1978, se erige en la gran piedra basilar de  nuestra comunidad política. É dicir, o texto legal (a forma) é o que xera a comunidade (a materia; a nación) e non á inversa.

Por iso o que do punto de vista dun xuíz pode resultar lóxico non ten que selo do punto de vista dun político.