Da representación da historia

A ponte de entrada a León recibe con bandeiróns morados e rojigualdos. A presenza destes en lugares públicos é maior que hai anos. Mais o lucimento de españolismo non oculta un leonesismo alicerzado no pasado medieval.

En comparación con cidades galegas de vizosa historia (Lugo, Ourense, Compostela), sorprende aquí a socialización dos símbolos de esplendor pasado. No campo da representación, as glorias dos reis non perviven só nos frescos de San Isidoro: renóvanse na continuidade burguesa de edificios medievalizantes como a casa Botines, no nome do estadio de fútbol ou, nun plano banal, no uso da tipografía gótica na hostalería.

Algo sucedeu para que en Galiza a actualización simbólica do medievo non se exprese con igual rotundidade. Mesmo desde posicións españolistas tería sido posible a reivindicación dun esplendor pasado trasladable aos lugares públicos cos que a burguesía hexemonizou a memoria. Aplacar e negar foi a tónica preponderante.

Nas audioguías da catedral de León dise que Alfonso X escribiu poesía en "romance". Control ideolóxico do Estado mesmo no anecdótico. As clases opulentas galegas identificáronse con esa ideoloxía ata a autonegación. O XIX, século historicista por antonomasia, apenas produciu imaxinería propia. Nin sequera como parte do proxecto español. Só intelectuais como Murguía ou Vicetto cumpriron co rol histórico. Da renuncia das elites galegas á dirección intelectual dá exemplo que ao galego culto medio non lle resulte familiar que Ordoño II, rei enterrado en lugar preeminente na catedral de León, tivese unha relación preferente con Lugo e fose rei de Galiza antes de ocupar o trono leonés.

Dado o absentismo das elites, o nacionalismo dedicouse a dignificar a Galiza das clases populares, e esa é a asociación principal con Galiza que permanece. A preocupación por facer o que a burguesía non fai segue vixente. De aí, supoño, a obra de Victoria Armesto, Camilo Nogueira, Anselmo L. Carreira ou Francisco Rodríguez. Ao meu ver, non se trata de implantar agora unha política simbólica decimonónica. De facer no presente o que a burguesía catalá fixo cando "inventou" a Barcelona gótica. Trátase, máis ben, de poñer luz sobre o uso da historia polo Estado, xeito de dominación das clases populares do país, pois foron elas as que mantiveron ata o presente a identificación coa lingua de antigo esplendor.