Non se pode mirar para outro lado

Estamos a menos dunha semana das eleccións e por estes días aterran en Galiza diferentes personaxes da política española. Falan e falan e volven falar. E nótaselles o descoñecemento deste noso pobo. Como se non pasasen os anos e moitos feitos, botan man de estereotipos e tópicos, cando non, e dóenos, de actitudes de pura diglosia cidadá. Unha “peniña”. Nin se preocupan de estudar o papel e logo o discurso cáeselle das mans. Aínda os hai que pensan naquela imaxe colonizadora de “nós temos a terra e vostedes (Galiza) teñen a biblia, ou o rosario”. Non entenden que fronte a “letrados” coma eles, a nós o que nos gusta ser é “nacionalistas paletos”. Disparan sen apuntar e fano mal. Desatinan da vista e da “cabesiña”. Vémolos ben. Nós non miramos para outro lado.

O domingo ha ser a data na que as galegas e os galegos de nación lideremos Galiza para irmos a outro sermos. Poñeremos á vista as nosas emocións e a traballar as nosas forzas para que cambien moitas cousas. Seremos conscientes do moito e bonito que podemos acadar para construír convivencia de nación, pois o cohabitar de arestora non nos leva a ningunha parte. Este Goberno está vacinado contra a pluralidade e patrimonialízao todo. Os tempos son (e veñen) duros e os cambios políticos han saber a pobo. O que nos amala non é un feitizo de eternidade. Temos que subir aos soños que leven consigo complicidades. Por iso votar ha ser o mínimo que facer na nosa loita para triunfo da nosa cidadanía. Son tempos da nación galega para que nos determinemos nunha nova normalidade. Non se pode mirar para outro lado.