Logo

Logo do Alba de Gloria no Pico Sacro coa lectura da fermosa peza de Daniel, envoltos na letra e música do noso himno (iso si, arrodeados de eucaliptos), logo de escoitar o Pregón patriótico feito á man por Héitor Picallo para esta Xuntanza. Logo dos Fogos de Compostela e do voo improcedente (non se sabe a que veu esta manobra) dos avións das forzas armadas marcando no ceo galego as colores da bandeira española. Logo de ir na manifestación do día da miña Patria, celebrando o que se quere ser todos os días. Ese algo esencial de ser galegas e galegos con identidade determinada en soberanía, en amor ao proxecto de nación, un reflexiona no que ten e no que non ten, porque ben mirado estamos claramente nun cambio de época e niso hai que pensar, sentir, imaxinar e actuar. Seremos quen de nos posicionar, politizar e articular alianzas, para as novas situacións? E cales serán as alternativas? Desde logo non haberá dúbidas de que as conversas co Goberno en Galicia (x3) son necesarias, pero máis o son as negociacións con intencións de acordos, que xa vai boa de non chegar a nada. Hai bastante “débeda social”e terán que ir facendo contas.

Logo do día da Patria, Galiza irá de vital no andar do que se pense e faga. Sempre, en clave de Pobo do Galego, sumando proxectos e capacidades que garantan traxectos de dignidade. Logo a voz nosa popular terá o seu lugar na posesión da palabra e das decisións. Logo así iranse as horas das mentalidades submisas. As relación de gobernantes e gobernados deixarán de ser perversas. Baixarán as tensións. Seguiremos no brañal e no incerto? Os haters sobran.