Bóveda e a dignidade
Existen momentos en política nos que un non sabe onde meterse. Nin sequera a mesa do salón de plenos dun concello coma Bueu podía ocultar a miña perplexidade este pasado luns, día no que a Corporación Municipal debateu, a proposta miña, unha moción polo 'Ano Castelao' e polo Día da Galicia Mártir. O acordo era "instar o Goberno local a realizar durante todo o 2025 iniciativas de diversa índole como xornadas, conversas, exposicións etc. para conmemorar o 'Ano Castelao' e o Día da Galicia Mártir". Nada revolucionario, nada polémico. Só traballar pola memoria política, cultural, intelectual de dous dos homes que máis traballaron no século XX polo noso país, que fixeron un esforzo tan grande que o seu pago foi a morte e o exilio.
Todo parecía indicar que podería existir unanimidade entre os grupos, mais o PP decidiu descolgarse alegando que incluír a Bóveda nunha moción era desvirtuar a Castelao. Engadiron, por palabras da súa voceira, Elena Estévez, que Castelao "era un referente para todos", deixando caer que quen regou con sangue a Caeira non o era. A pesar de que apostei polo pragmatismo e por explicar os vencellos entre ambos os dous homes –quen sabe se esas palabras se podían corresponder á ignorancia ou á estupidez–, o voto non se moveu e a moción non tivo unanimidade.
As relacións entre o galeguismo histórico e o PPdeG sostéñense sobre determinados elos dunha febleza máxima. Fíos que poden quebrar con determinadas accións como a votación a respecto de Castelao no Parlamento ou declaracións que confrontan directamente con quen promove a memoria política da época republicana. A súa recomposición é, practicamente, imposible. Porén, a voadura descontrolada de pontes co galeguismo por parte do PPdeG continúa, cun sector con figuras como Paula Prado que optan por eliminar calquera resto do legado político doutras como Cuíña ou como Santalices.
Mentres algúns fomos precursores en acudir aos actos da Caeira desde o propio PPdeG alá polo 2022 –a pesar das críticas que motivou esa asistencia–, outros deslexitiman calquera tipo de esforzo por achegar posturas, por asumir o pasado con ollar crítico e, polo tanto, traballar polo futuro. Porque aquí non cabe o cinismo de aparentar, de tentar ser, cando, á hora de erguer as mans ou premer os botóns, a abstención ou o voto en contra son a tónica xeral. Os xestos dun determinado sector, que se autodefine como galeguista, son baldíos se quen toma as decisións ten unha opinión contraposta.
O Parlamento de Galicia, depositario da vontade do pobo galego, debe partir sempre do máximo respecto cara aos valores fundamentais que alicerzan a nosa cultura e que parten do cristianismo. Non é cuestión de ideoloxías, senón de democracia. As asistencias, as conversas, os apoios non valen nada se despois se cuspe sobre a memoria das persoas que o entregaron todo por nós. Porque isto xa non é cuestión de meixelas, senón de non pegarlles un tiro aos pais da autonomía mentres se reza pola salvación da súa alma.