And the winner is…

A carreira electoral na USC chegou á súa fin e a universidade con máis de 500 anos de historia terá, por vez primeira, unha reitora: Rosa Crujeiras. Despois dunha campaña electoral inzada de vitimismo por parte da candidata afín ao Partido Popular, Maite Flores, a de Ribeira impúxose nos catro sectores que conforman o corpo electoral. A súa vantaxe chegou a duplicar e achegarse a triplicar en dous sectores: o do estudantado, que se mobilizou notablemente a favor de Crujeiras a pesar dos actos electoralistas de Flores en discotecas, e o do PTXAS, o coñecido como Persoal de Administración e Servizos, quen se amosou durante todo o presente mandato profundamente incómodo co actual e finiquitado xerente, Xavier Ferreira.

A vitoria de Crujeiras constitúe non só un fito por ser reitorA, senón por deixar atrás unha etapa de parálise na Universidade, un período cun reitor inoperante e cunha secretaria xeral, Dulce García Mella, quen se presentou na candidatura de Flores, que dedicou máis tempo a boicotear a mellora da USC que a traballar en prol dela. A maiores, resulta gratificante e esperanzadora a postura de Crujeiras a respecto da lingua galega, sobre a que afirmou, nunha entrevista concedida a este medio, que se pode e debe desenvolver a actividade de xestión, docente e investigadora en galego, unha postura que debe ter unha acollida unánime para ser incorporada no Pacto pola Lingua, ese célebre e misterioso documento do cal seguimos sen novas.

Mentres en Galicia fixo vitoria unha muller progresista, o panorama que deixaron as eleccións ás Cortes de Castela e León é radicalmente diferente. O PP e VOX amplían a súa vantaxe nunha comunidade gobernada pola dereita desde tempos inmemoriais, mais cun VOX que atopa un teito electoral claro: o célebre 20%, no que D’Hont e o tamaño da circunscrición fan a súa maxia. Mais, non erremos o tiro. Aínda que o PP de Fernández Mañueco logrou o que non conquistaron nin Azcón nin Guardiola –subir, conter a VOX e manter unha mensaxe moderadamente gañadora, onte non gañou el. Sánchez toma osíxeno desde Moncloa grazas ao resultado que Génova 13 tentará vender como negativo para un PSOE que hoxe pode durmir tranquilo no célebre colchón.

A pesar de que o candidato socialista non fose un sanchista acérrimo –e coa mensaxe que isto lanza na nova etapa na que se adentra o PSOE–, o PSOE recibe unha bocalada de aire tras unha concatenación de fracasos que inclúen o certificado de defunción das nacionais galegas de hai dous anos. Os provincialismos e o nacionalismo leonés saen das eleccións cun sabor amargo, especialmente Soria ¡XA!, que observa como a defensa provincial, sen un sentimento de apego nacional, naufraga electoralmente, un resultado que é imposible desligar do que xa observamos con Aragón Existe, que se deixou en Teruel no mes de febreiro a metade dos votos recibidos nos últimos comicios. Esa lección –e incluso aprender que o votante pode non ter un sentimento nacional pero si votar por ti, coma no caso do BNG en Vigo– advirte sobre as estratexias de cara á toda esta vaga de eleccións que inza o Estado de decibelios.