Logopedia en galego? Reflexión no día da Galiza

Xa que o 25 de xullo se celebrará o día da Galiza, reflexiono sobre o peso que ten dentro da miña profesión un dos aspectos definitorios da nosa cultura, o galego.

Cabería pensar que sendo estudante de logopedia na Galiza, o idioma vehicular das materias cursadas será o galego, mais, se a historia non mudou dende que eu cursei entre o 2004 e 2007, as materias en galego, son as mínimas. Se fago o esforzo de lembrar a todas as miñas mestras e mestres da universidade, só podo recordar tres materias en galego: “Lingua galega”; “Lingüística xeral e aplicada” (unha das partes) e “Bases didácticas”. E non pasa nada!, pensará moita xente. Enténdense as aulas e apréndense os contidos pero o idioma galego relégase á mínima expresión sendo cooficial.

Ao rematar a universidade, o noso código deontolóxico non escrito, condiciona que unha intervención sobre a linguaxe exitosa, debe facerse no idioma nativo da persoa afectada (ou alomenos, eu así o entendo). Nese momento, ao comezar o traballo coas familias, colles conciencia de canto se fala o idioma galego. Se tivese que poñer en porcentaxe o número de persoas que atendín en galego e en castelán nestes 12 anos de profesión, diría que máis do 90% das persoas que atendín, sobre todo na poboación infantil, foi en castelán. E non pasa nada!, pensará moita xente. Eu falo castelán fluído, como bilingüe na Galiza e cada persoa pode falar o idioma que considere pero a riqueza do noso pobo está precisamente en ter idioma propio, e eso é o que se está perdendo.

A miúdo vemos que os pais poden falar en galego entre eles pero coas súas crianzas mudan ao castelán. Esas crianzas non estarán inmersas de forma igualitaria nun e noutro idioma, tendo máis estímulos en castelán; na tele, na radio, nos contos, no círculo de amizades etc. Non conseguirán as mesmas competencias en galego que en castelán xa que case sempre estará este idioma ligado á educación, e as crianzas verano como unha obriga, igual que co inglés ou co francés. E non pasa nada!, pensará moita xente. O castelán é tan válido como o galego, pero se as crianzas ven un idioma como unha obriga, non o empregarán como unha opción para a comunicación e ata sentirán rexeitamento.

En persoas adultas e maiores, tras sufrir dano cerebral con afectación da fala, a logopeda dirixirase á familia para facer a intervención e debe referirse o idioma no que falaba a persoa. É aquí dáse unha situación curiosa: tiven pacientes, castelán falantes na súa idade adulta, que tras un episodio destas características, recuperan máis facilmente o galego, o idioma que os viu nacer.

Seguindo coa análise, se nos fixamos nos instrumentos de avaliación e de intervención cos que contamos en logopedia, atopamos que moitos materiais e baterías de avaliación nin sequera están validados en castelán, moito menos en galego. Ben é certo que os materiais sempre se poden adaptar ao idioma no que fale a persoa pero para a avaliación pode que haxa construcións sintácticas ou matices semánticos que condicionen as respostas nun idioma ou outro. E en canto á investigación, case non se atopan artigos escritos en castelán sobre investigación en España; moito menos en galego e sobre investigación na Galiza. E non pasa nada!, pensará moita xente. Podemos adaptar materiais a outros idiomas e traballar con evidencia científica doutros países pero a idiosincrasia de cada lugar é única, e a da Galiza máis se cabe.

Queda claro que, a pesar de que algunhas logopedas sexamos galego falantes e teñamos algunhas pacientes que falen galego, o peso da miña lingua non é relevante na profesión a nivel global. O idioma predominante é o castelán e sempre haberá quen pense que “non pasa nada”, pero mentres o galego vai minguando, perdéndose diversidade lingüística.

Debemos ter claro que é un privilexio ser bilingüe sen saír da casa e todos os idiomas deberían ser coidados e falados, sen menosprezalos. Pero está e a miña opinión, calquera pode ter outra… Eu son unha persoa tan apaixonada pola logopedia, como pola miña terra. Feliz día da Galiza!