Compañeira

Estou cansa. Teño que dicilo porque verbalizar as cousas fai camiño para loitalas, que non é o mesmo que pórlles remedio. O meu cansazo é unha sensación automática que se activa en outubro e que medra co cambio de hora. E ten unha indubidable orixe emocional. Aceptalo levoume anos, nos que insistín, testalana e superficial, en que a min o que me pasaba era que chegaba o outono. Meses despois, repetíao coa primavera. Na miña ecuación inventada non contemplaba que a orixe dos meus males físicos e emocionais estaba na miña tendencia á nostalxia e á morriña ou, falando claro: dende que cheguei á maioría de idade teño unha inercia constante á depresión. E, non por sorte, senón por anos de terapia, hoxe podo dicir que practicamente só é cansazo.

Anda o compañeiro Anxo Lugilde presentando á súa Vella Compañeira por todo o país. 30 anos de depresión nun testemuño que, se naceu cunha intención de catarse, está a se converter nunha fonte de comprensión para moitas persoas. Normalizar a depresión é o único camiño para sacala do caixón das cousas de tolos e de débiles, e Anxo está a facer aí unha boa homenaxe ao seu nome. Coma el, tamén falou recentemente a escritora Antía Yáñez, ou as deportistas Naomi Osaka e Simone Biles. Todas expostas sempre á estigma dun sistema sen tempo para a alma.

Cansa, si, mais en alerta para non caer no abatemento mental, non hai semana que non fale con algunha persoa deprimida. De todas, só algunhas o saben e poucas reciben axuda. As que a teñen, págana, ou, no peor dos casos, ven unha especialista diferente cada mes. Hai alguén aí?