Non somos ferro, senón madeira nobre
Reflexións en torno á imaxe dun aula abandonada
Tráiovos unha fotografía de Gade Escale. É a escola. Unha das aulas abandonadas. No recordo en cal dos cursos estudei nela. Detrás, a dereita, vedes as aulas que non se remataron. Senegal progresa, é certo. Pero tamén hai cousas que non cambian e podrecen. Son as condicións materiais de parte das nosas vidas.
Vedes a pobreza nesa aula? Xa sei que podería ser un galpón da outra punta do mundo. Pero é alí, ás portas do deserto. Vedes pobreza e adiviñades o que pasa? Faltan recursos para manter os servizos. Abandónanse as aulas non porque non haxa alumnos, senón pola falta de profesores.
Vedes o cemento e o ferro? Non hai cristais na xanela, nunca os houbo, nin nos hai nas clases en uso. Vedes o ferro oxidado. Porque o ferro non é bo material para estas condicións climáticas. O cristal é caro, rompe máis fácil, pero co ferro pásase calor. O mellor sería utilizar o aluminio. Pero é caro. Tamén sería mellor utilizar madeira para as paredes. Pero a que hai por aquí non sirve, esmiúzase como po. A do baobab non serve. Se cortas, é como area.
Vedes o ferro oxidado. Porque o ferro non é bo material para estas condicións climáticas
Cando se construíu esta escola decidiuse que os materiais foran duradeiros. Pasaron moitos anos e as edificacións seguen en pé. Non tivemos que cambialas cada ano, coma as casas cando se facían de tallos e palla. Vedes a diferenza entre a pedra e o ladrillo nas vosas casas?
A escola é un conxunto de edificios dos anos sesenta. Nunca houbo mantemento. E moito menos, servizo de limpeza. Son profesores e as nenas e os nenos quen barren a escola ao principio das clases para tirar herbas e espiñas que poidan mancar aos pequenos.
Recordo os partidos de fútbol no patio. Esa area que vedes aí. A loita, os xogos, Pelé, Tostão, e despois Cruyff. Hoxe son Messi, Cristiano… Os ídolos non cambiaron moito. Evolucionou a docencia. Agora as leccións achéganse máis a realidade do día a día. Non se fala tanto de Francia e do que lles pasa aos franceses. Senegal é un país culturalmente máis independente. Do boca a boca pasamos aos móbiles e a televisión. Hai cousas boas na globalización. Cambiaron as mentes.
Pero non as condicións materiais.
A escola é un conxunto de edificios dos anos sesenta. Nunca houbo mantemento. E moito menos, servizo de limpeza
Penso nun país coma Xapón, que gusta de defender e vivir a cultura propia. Que saíu da miseria despois da guerra afirmando na memoria, peneirando o bo e o malo das cousas que viñan de fóra. Nas aldeas de Senegal hai hoxe pan e peixe a diario.
Pero o deserto e a pobreza seguen sobre nós. Oxidándonos. Porque non somos ferro, senón madeira nobre. As condicións materiais sempre foron duras, pero antes eramos máis fortes.