Non todo é lixo orgánico, aínda que hai lixo a varrer

Parece que hai un berro unánime para resumir as doce xornadas de Liga disputadas polo Deportivo en canto as decisións arbitrais. Houbo debate interno na cúpula do club se sería útil  poñer o acento neste aspecto. Finalmente houbo fumata branca. Tino Fernández, presidente do Deportivo, que leva semanas doente con este asunto, cualificou, 24 horas despois do Dépor - Sevilla, as decisións arbitrais sufridas como “arbitrajes de mierda”. O cheirento cualificativo usado é premeditado. Está ben estudiado e falado. Utilízase esta linguaxe para facer ruido, para que se saiba que hai un gran malestar no Deportivo e que o cabreo non se quede só en terras ártabras. Búscase que a frasca teña eco en Madrid para que quen teña que escoitar tome nota. 

Se miramos máis aló das lamentables e decisivas arbitraxes, hai un equipo que non despunta

Hai fundamentos para falar con esta linguaxe fétida? Velaí van argumentos: 

2ª xornada. Árbitro: Estrada Fernández. Raúl García lesionou gravemente a Joselu tras unha durísima entrada que debeu ser castigada con vermella. Raúl García despois de lesionar a Joselu, polo menos tres meses, marcou o gol da vitoria do Athletic. Aquel partido acabou cun gol anulado a Andone por fóra de xogo, que en realidade foi legal. Como mínimo o Dépor merecera un punto, birlado por un erro arbitral clave. 

Xornada 5. Primeiro erro de Undiano Mallenco có Dépor. Outro punto que puido ser e non foi, produciuse ante o Leganés. Un agarrón clarísimo na área a Albentosa rachou a súa camisola. Proba máis evidente imposible. Non sinalou penalti, pero a Albentosa non lle deixaron rematar. A proba do delito foi patente e viuna todo o estadio. 

8ª xornada. O trencilla foi Sánchez Martínez. En Barcelona Luis Suárez pegou unha puñada a Arribas. Non viu tarxeta pola súa acción. Logo, Neymar pegoulle a Laure nese mesmo partido un cobadazo. O colexiado mirou cara outro lado. Ah, pero cando Laue fixo o mesmo e toca a Neymar co cóbado entón surde o concepto de protexer as estrelas. Vermella a Laure e viaxe a caseta. Asunto liquidado.

Xornada 10ª. González González pitou este partido. Ante o Valencia, o equipo ché obtivo premio nunha xogada que a televisión non aclarou definitivamente se o balón entrou de todo ou non na portería branco e azul. Poderemos falar de gol pantasma e de tres puntos que puideron ser e que non foron.

Xornada 11ª. O colmo con Undiano que volve cruzarse no camiño do Deportivo. Aquí xéstase definitivamente a crenza de que as arbitraxes son actuacións arbitrais de lixo. Por riba, co Granada, o colista. Hai un gol totalmente legal de Babel que foi anulado por un fóra de xogo que non existiu nin por imaxinación psicotrópica. A seguir, contragolpe do Granada e gol do equipo nazarí. Adeus a dous puntos.

A derrota ante o Sevilla non só foi culpa de Mateu Lahoz, aínda que tivo unha incidencia importante.

12ª xornada. En Riazor o “gran” Mateu Lahoz. Deixa sen pitar un clarísimo penalti a Andone que sucede diante dos seus fuciños e con 2-1 no marcador. O empurrón é evidente. Pero o colexiado comentou que ía mirando para os pés e non viu o empurrón. O liña miraba ás pombas que picoteaban a mañá do sábado as sementes do céspede de Riazor. A ave non se levantaba do chan nin sufrindo o risco de ser pisada, un gran pasatempo para o xuíz de líña… O certo é que o único que voaron de Riazor foron outros posibles dous puntos, de converterse o penalti.

Polo tanto, semella que hai caca, parafraseando ó mandatario deportivista, que varrer. 

Pero son só arbitraxes de lixo ou hai máis decisións ciscadas ó marxe das arbitrarias? 

Parece evidente que o tema arbitral é unha fabulosa cortina de fume. Un grande argumento para escorrentar o bulto. É tamén unha certeza como quedou fundamentado. Pero 10 puntos en doce xornadas, ó nivel de Oltra ou de Víctor Fernández, ou da segunda volta de Víctor Sánchez del Amo, son puntos que marcan unha rendibilidade que merecen tamén tirarse ó lixo orgánico. Insufrible. Lamentable. Penoso. 

Xa que logo, se miramos máis aló das lamentables e decisivas arbitraxes, hai un equipo que non despunta. E decisións incomprensibles que tamén son para tirar o lixo. A ocurrencia de quitar a Juanfran, que non estaba lesionado, repito, que non sufriu ningún tipo de problema físico, e poñer no seu lugar a Arribas, un defensa central puro, é iso, unha ocurrencia. Algúns prefiren chamalo ataques de adestrador. O resultado desa decisión delirante, imaxinativa e inesperada, foi o que todo o mundo viu: abrir unha autoestrada libre de peaxe ó Sevilla. Vida para un equipo que estivo apagado todo o partido. As decisións técnicas do Deportivo prenderon as luces na autoestrada e serviron para alumar o camiño hacia a remontada do rival. 

Unha vez máis, urxe a pregunta: U-lo Álex Bergantiños? Por que non xoga? Non sería mellor recurso defensivo?

Hai unha pregunta máis… Por que se substitúe a Çolak, o único futbolista con capacidade desbordante no Dépor? E unha máis, por que cambiar un sistema que estaba resultando ben por un ultradefensivo que só acabou dando ás ó rival? Botar o equipo atrás, dar por pechado o encontro tan cedo, poñer máis homes desubicados na defensa, foi só un anuncio para o Sevilla de que o Deportivo rexeitaba a xogar ó fútbol. Tras ver a desfeita, xorde outra pregunta: Garitano tiña ben ensaiada e preparada esta estratexia cos futbolistas que estaban no campo despois dos tres trocos realizados? Deu a impresión de que foi todo un desastre, unha improvisación. A partir de aí, nada funcionou. 

O resultado, visto o traballo global do partido, foi inxusto porque o Dépor volveu mostrar, polo menos na primeira metade, que cando non xoga como equipo pequeno sabe e pode facer moito máis do que amosa. Mandou no partido e no marcador. Tivo ó Sevilla, equipo a día de hoxe moi superior ó herculino, milagrosamente contra as cordas, ata que o Dépor decidiu soltar as bridas. Garitano ten que deixar de pensar en pequeno. Iso non quero dicir que se volva tolo e que se despeitee. Tampouco ten pelo para iso. Pero os complexos hai que deixalos fóra da caseta e do banco. Do contrario, Garitano estará descontado e por moito que o presidente ratifique o técnico, a antolladiza realidade dos resultados poñerán na árbore de Nadal un novo técnico con total seguridade. E para reis, algún xogador que poida crear ilusión.

Conclusión. A derrota ante o Sevilla non só foi culpa de Mateu Lahoz, aínda que tivo unha incidencia importante. Polo menos, a vantaxe do lixo orgánico e que se pode reciclar e crear novas formas de enerxía. 

Trololololo……. Mellor cantar que chorar.