Lopo, o novo Vicente Celeiro

No medio dunha semana infame, onde a Federación Española utilizou aos xogadores profesionais (que dito sexa de paso teñen moi pouca personalidade e vergonza) 

 

No medio dunha semana infame, onde a Federación Española utilizou os xogadores profesionais (que dito sexa de paso teñen moi pouca personalidade e vergonza) para utilizalos ó seu favor e arroxalos nunha indecente guerra de intereses económicos contra o Goberno, tamén parece librar outra batalla coa Liga no outro capítulo onde poder meter man: coas decisións arbitrais. 

Andaba a xente coa mosca detrás da orella pola designación de Gil Manzano, do que se sospeita que beneficia presuntamente o Athletic de Bilbao se a ocasión o merece, e a realidade confirmounos que o fedor que cheiraba era do bo e que viña de Extremadura. Case sempre que o colexiado extremeño pita ós vascos gañan ou saen beneficiados polo pito de Gil Manzano. Este ano aínda non asubiara ningún partido os bilbaínos, porque hai un ano montou unha desfeita de mil pares beneficiándoos. Ao Dépor xa lle pitara 3 partidos antes, e non gañou ningún (dúas derrotas e un empate). Casualidade estatística? En descargo do árbitro, tamén hai que dicir que para buscar unha vitoria do Dépor durante o ano e como buscar unha agulla nun pallar.

Gil Manzano anulou un gol totalmente legal de Bergantiños na primeira metade e non sinalou un penalti a  favor dos deportivistas por derrubo a Luisinho

Pero a arbitraxe descarada a prol do equipo do Nervión, valeulle ir á neveira. Fíxoo, según din as crónicas deportivas nun Betis-Athletic onde non sinalou dous penaltis a favor dos verde e brancos pero si un na súa contra e deixou os andaluces con 9 xogadores no campo. Gil Manzano tamén ten un historial negro co Celta ao que prexudicou nalgunha ocasión. Tamén o deixou con 9 futbolistas nunha ocasión e confundiu varios xogadores célticas cos cartón amarelos. Vamos que viu a neveira en varias ocasións por ser un mete patas, un zoupón. E para maior sospeita vincúlase a este colexiado extremeño cunha peña do Athetic de Bilbao. Cuestión que nega, pero a xulgar polas súas decisións deste sábado en San Mamés as sospeitas están máis que fundamentadas: anulou un gol totalmente legal de Álex Bergantiños na primeira metade e non sinalou un penalti a  favor dos deportivistas por derrubo a Luisinho. Desastroso. Lamentable. Vergonzoso. Semella que detrás desta patética actuación arbitral hai algo máis que simples e inocentes erros. Unha arbitraje sibilina, como a da semana pasada en Riazor co Vilarreal, que dan a razón ás persoas que durante a semana desconfiaron desta designación da Federación Española. A arbitraxe foi desde logo impresentable. 

Feita a puntualización, se só fixamos a vista no resultado do partido, hai que facer memoria histórica. Hai 27 anos que o Dépor logrou salvarse do descenso á Segunda B cun gol de Vicente Celeiro. Foi tamén co crono vencido, en tempo de desconto. Pois ben, 27 anos despois, Lopo conectou un gol importantísimo. Tanto, que pode ser, xa o veremos, pero pode ser o gol da salvación dos coruñeses. Ese remate no último segundo do partido foi, é, trascendental. Aquel de Vicente deu o colofón a unha temporada deprimente, desastrosa, dos deportivistas, tanto como a que están a asinar outra xeración de futbolistas branco e azuis esta temporada.

 Lopo conectou un gol importantísimo. Tanto, que pode ser, xa o veremos, pero pode ser o gol da salvación dos coruñeses

A teoría de que o calendario era moi complicado para o Deportivo despois de xogar en Riazor co Córdoba cúmprese. Cada partido é un Tourmalet para os herculinos. Intentan remontar o cumio, pero o fan subidos nunha bicicleta sen plato pequeno e con tres piñons. Así a coroación do cumio resulta dura e abafante. Unha aventura espantosa. Un sufrimento angurioso.

Os bilbaínos saíron a xogar cun ritmo trepidante. Mascouse o gol local durante os primeiros 30 minutos. Estaba cantado. Viuse a leguas. Contra a presión continua dos leóns non houbo ningún tipo de reacción, nin previsión, técnica. O equipo non retocou as súas liñas malia estar desbordado constantemente. E ao final, chegou o gol. Nunha xogada a balón parado, por certo. Ese tipo de xogadas das que tan pouco froito lle dan ó Deportivo a favor, e que son un castigo á hora de defender. E marcou Aduriz, a referencia dos vascos. É dicir, todo bastante previsble. Se o Deportivo tiña un plan específico para o encontro e estuda milimetricamente o rival, non se viu. Ou fallou estrepitosamente. Escollan o que prefiran.

O Dépor tirou de continuidade, da experiencia, din que positiva, eu non o vexo tanto así, ante o Vilarreal. Como en Elxe coa experiencia de Málaga? Se hai un plan específico non pode haber continuidade. Ten que haber un plan. En calquera caso, retomo as claves do último comentario asinado en Sermos: intensidade, sentido común e acerto. E remarco o de sentido común.

Se o Dépor sae desta é polo compromiso dos xogadores da casa, como Álex Bergantiños, co que hai que sacarse o chapeu, ou dos homes máis veteranos como Manuel Pablo, que merece un monumento, ou Laure, que se deixa a pel no campo en cada partido cando se confía nel. Lopo tamén merece un capítulo aparte por ser un gran exemplo como xefe de filas na zaga e sacar galóns de veteranía. Que importantes foron sempre os centrais do Dépor? Cantos goles teñen aportado en momentos claves? Dos últimos en chegar habería que destacar a enorme actuación de Fabricio, o gran caracter de Luisinho, o saber estar de Sidnei e a serenidade de Borges. Neste momento son imprescindibles. E, por outra banda, é incomprensible que nin Víctor Fernández, nin Víctor Sánchez del Amo non tiren máis do empuxe, as gañas, a intensidade e o compromiso de Toché, outro gran valor deste equipo dentro e fóra do campo e con tantos goles e moitísimos menos minutos que o home que máis xogou na súa posición: Oriol.

Pero… serán quen de gañar ó Levante? Déixenme que o dubide. En caso de que non gañe ou non empate, atentos á radio!!!!

Desde o partido de Córdoba, cando foi destituido Víctor Fernández, o Deportivo xogou seis partidos. Non foi capaz de gañar ningún co novo adestrador. A última vitoria dos herculinos foi na primeira semana de febreiro, hai xa 3 meses. Semella que vai tocando unha, só unha. E aínda así, a segunda volta ha ser, seguro, peor que a primeira volta da Liga en puntos sumados.

Se o Dépor logra gañar en Riazor co Levante podería sacar o pasaporte definitivo, non matemático, pero si case definitivo para continuar un ano máis en Primeira División e esquecerse dunha temporada nefasta e treboenta. 

Pero… serán quen de gañar ó Levante? Déixenme que o dubide. En caso de que non gañe ou non empate, atentos á radio!!!! Que o Getafe lle gañe o Eibar, a Real Sociedade ó Granada e o Sevilla ó Almería. E aínda quedará outra semana de congoxa e agonía en Barcelona, cun Barça probable campión no Calderón, pero que non ha agasallar nada. A ver se coa troula e a festa, nun despiste poida caer un empate, por se fose preciso.

Agárrense que veñen as derradeiras curvas da temporada!