Dépor: unha soa vez e basta, nunca máis!

Si, foi 2-8. Aínda me frego os ollos, e non dou creto.

 

Si, foi 2-8. Aínda me frego os ollos, e non dou creto. Pero repito, o Deportivo do adestrador en activo con máis partidos en Primeira División (518), Víctor Fernández, foi machucado con oito goles na súa propia casa. Humillante. A maior goleada, en contra, da historia do Dépor en Riazor. A maior goleada, a favor, que consegue o Real Madrid fóra do Bernabeu en máis de 100 anos de vida. 

E que? Que mais ten? Que importancia lle teñen que dar os branco e azuis a ese resultado?

Facendo memoria, o Dépor gañou dúas copas de El-Rei no Bernabeu. Unha delas gañouna ao Real Madrid no seu centenario, si, si, na súa casa, o aniversario do seu cen cumpre anos. Chamóuselle a aquela xesta, a vitoria do centenariazo. Imaxínanse o planchados que quedaron cando miraban a Fran alzando o trofeo sobre o ceo madrileño? Aquela copa coa que soñaran antes de baixarse do autobús… E quen non se lembra daquela Supercopa tamén gañada ós brancos na súa casa? Esa tempada, o Real Madrid perdía cos deportivistas ata o Teresa Herrera. Tres repasiños ós merengues no mesmo ano. 

O Real Madrid ten un xogador que cobra el só un salario equivalente ó que cobran todos os futbolistas actuais do cadro de xogadores deportivista

E que pasa? Pois si, o Madrid meteulle un baile ó Deportivo en Riazor. Un equipo que ten un xogador que cobra el só un salario equivalente ó que cobran todos os futbolistas actuais do cadro de xogadores deportivista. Pero, cantos meneos non lle meteu o campión herculino ó Real Madrid en Riazor? Cantos? Aquelas vitorias por goleada, 5-2 (ano 2000), 4-0, por dúas veces (anos 1993 e 1999), da época de Bebeto, ou, por exemplo, esa estatística que xa queda aí e que di que o Deportivo é o equipo que máis veces gañou como local ó Real Madrid na Liga desde que as vitorias valen tres puntos. Desde 1993, o Madrid foi derrotado en trece ocasións. 

4-0 a Ancelotti cando treinaba o Milan

E Ancelotti, canto lle escaldaría aquela derrota por 4-0 (ano 2004) co seu Milan cheo de figuriñas millonarias e que lle supuxo a eliminación da Liga de Campións?

Dacordo que Diakite-Sidnei non teñen nada que ver cos Naybet-Donato, ou os Voro-Ribera, e Laure-Luisinho non son comparables cos míticos Nando-Romero-Manuel Pablo, tampouco son comparables Alex Bergantiños e Medujanin cos Djukic - Mauro Silva - Flavio - Duscher. Son cousas de andar “esixidos” económicamente, que se non outro galo lles ía cantar.

O Dépor mermou física e técnicamente nos últimos anos. O sábado viuse que a diferencia é moi grande. Pero a goleada non o sería tan importante, seguro, se os elixidos por Víctor Fernández tiveran máis intensidade, se sudaran máis a camiseta, e xogaran coa mesma tensión que en Ipurúa.    

Pois iso… que despois de tantas malleiras acéptase unha humilde goleada, aínda que sexa histórica. Vaia por toda as risadas e gargalladas que se botou a afección coruñesa con tanto empacho merengue.

Tomen nota deste resultado, porque aposto que non haberá un marcador semellante nesta Liga. 

Pero, por se acaso, que non se repita. Nunca máis!