Dépor: en picado, con paradiña!

Dixen aquí que un líder ten que exercer de líder. Van semanas que o Dépor era o líder, si, pero non mandaba realmente.

Dixen aquí que un líder ten que exercer de líder. Van semanas que o Dépor era o líder, si, pero non mandaba realmente. Dos últimos 15 puntos só conseguíu tres. Un mes e medio sen gañar. Os de Vázquez xa non viven de rendas. Viven de agasallos. Non sei se o Dépor rematará líder da categoría, malia ser o equipo de Segunda que máis semanas “okupou” ese posto. Os de Vázquez 15 xornadas, o Eibar 9. Pero, ser líder é o de menos se hai ascenso. E o ascenso debe chegar polos postos directos porque pola vía da promoción será inviable, cun equipo que está en caída.

O triste da derrota en Soria é que polo espello retrovisor aparece o Sporting de Xixón

Ós deportivistas fáiselles longo o ano. Moi longo. Pesa a responsabilidade. Pesan as pernas. Pesan as decisións. Pesa a forza mental. Porque á vista está que están en descenso vertixinoso no seu rendemento. Dilapidou case toda a súa vantaxe. Como aquel fillo pródigo que cobrou a herdanza e administrou a fortuna derrochándoa, ata que se quedou sen un can. Ao Dépor aínda lle queda algo: a perra gorda, que debe usar para dar un golpe certeiro a tempada.

O triste da derrota en Soria é que polo espello retrovisor aparece o Sporting de Xixón, un terceiro en discordia, xunto coas Palmas. E iso fai que o Dépor teña que manter a garda alta. Moi alta. No calendario dos deportivistas hai dous rivais complicados: Xaén e Xirona, que están no aramio do descenso, aínda que un máis que o outro. Este non é un dato a menosprezar porque os converte en elementos moi perigosos.

O discurso de que non perder é suficiente ten que mudar porque non chega, adormece, desmotiva e se converte nun conformismo envelenado. O cadro branco e azul xogou moito mellor con dez contra o Numancia que con once. Por que? Porque cun home menos xogou en estado de alerta, esforzándose máis, poñendo máis en cada acción. O Dépor tamén ten que saber traballar o medo. Un equipo que desexa ascender non lle pode tremer as pernas.

En Riazor está a chave do ascensor

A sorte para o equipo herculino é que todos os demais competidores están mal, peor que os branco e azuis. E hai que contar coas súas picadas, o que fai que a perda de puntos dos homes de Vázquez pareza moito menos relevante. De aí que un mal resultado propio cambia a polaridade á hora seguinte polos resultados dos rivais. Cada empate, cada derrota queda amortecida polos erros alleos. O anxo da garda nunca falta á súa cita.

Así que, en positivo. O ascenso non se lle pode escapar ó Dépor. Está a tiro de pedra. A só un punto. En Riazor está a chave do ascensor. E se falla a máquina no campo estará todo o estadio cheo de afeccionados deportivistas que lle darán o empurrón definitivo á Primeira División. Así pois, todos tranquilos. O sábado poñan o cava a refriar… Menos mal que aínda queda unha paradiña ou dúas!