Saen do prelo os contos de Roxín Roxal

Uxío Novoneyra compilou os Contos de Roxín Roxal nas derradeiras décadas do pasado século para gardar e doar a lingua galega. Nesa época agónica do mundo agrario, cando o despoboamento chegara a deixar os pobos da montaña nos ósos, cando facía tempo que non nacían nenos nas aldeas e o mundo agrario da montaña, sen alternativa de supervivencia e sen case ninguén que o defendese, nin se mantivese á espreita da muda máis importante que sucedera na historia recente de Galicia. E nese período, onde o chamado hoxe mundo rural foi desbotado, considerado ultrapasado, inviable e sen opción de supervivencia; é nese intre tremendo da historia, cando o poeta compila os contos que escribira durante os anos sesenta e unha parte importante deles permaneceu inédita ata hoxe.

A súa compilación coincidiu cun período de imposición dunha normativización do idioma tan funesto para a nosa lingua que conseguiu que a meirande parte dos falantes perdesen a seguridade no emprego da súa lingua nai. O proceso de normativización foi tan agresivo, chegou a adelgazar o idioma de tal xeito, que aínda hoxe é complexo empregar a lingua galega normativizada como vehículo de creación, xa que nunha lingua disfuncional para a fala non agroma a dimensión creativa nin a comunicación verdadeira.

É nese período, onde o chamado hoxe mundo rural foi desbotado, considerado ultrapasado, inviábel e sen opción de supervivencia, cando o poeta compila os contos

Neste contexto, Uxío Novoneyra, poeta contrario á perda da diversidade e da riqueza do idioma galego, crítico co proceso de normativización levado adiante polas institucións culturais; recolle, garda e doa a lingua galega dos eidos da montaña para as xeracións máis novas nestes contos que agora saen do prelo. Neles está vivo o pasado de Galicia, o seu propio pasado, o da súa infancia e lingua familiar integrada polas falas dos seus catro avós do Bierzo, Samos, O Cebreiro e Moreda.

Agora os contos do poeta saen fantasticamente ilustrados por Miguel Robledo nunha edición da Fundación Uxío Novoneyra apoiada polo Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021-2022 nun contexto ben distinto do final de século caracterizado por un anovado interese pola cultura agraria e a súa lingua perdida. Estes contos son hoxe unha caixa de resistencia para atopar o idioma propio e a terra propia á que só podemos retornar a través da infancia protexida do poeta, é dicir, redescuberta e doada polo creador que procurou permanecer dentro da cultura popular, dentro da lingua, sen saír do seu horizonte infinito.

Descargando este código QR, escoitaredes Lucín e as paxarelas, un dos sete Contos de Roxín Roxal fermosamente lido por Nieves Neira.