A bandeira galega importa
Téñolle escoltado a algúns representantes independentistas cataláns –prefiro non dar nomes– a defensa dunha tese tan peculiar como claudicante. Para eles o independentismo en ningún caso pode ser nacionalista, porque segundo esa visión o mero concepto da defensa da nación se pode asimilar á concepción unitaria do Estado español e, por tanto, símbolos como as bandeiras ou os himnos tampouco deben ser reivindicados. "As bandeiras non se comen", afirmou nunha ocasión un destes conspicuos e célebres voceiros, referíndose á do seu propio país. Até o idioma pasaría a ser secundario. Ao final chaman nacionalistas aos que en realidade son imperialistas. E interiorizan os peores prexuízos sobre o nacionalismo, converténdoo en caricatura deformada, en doutrina anacrónica e reaccionaria. Exactamente no contrario, na antítese do que é.
Sabemos que cada pobo é diferente, que pasa por distintos procesos históricos, e que a base material e o contexto económico e social de cada un deles é específico, como tamén o é o nivel de sometemento político ou colonial á metrópole. Mais os símbolos importan. Aquí e en calquera outro lugar. Que llo pregunten aos palestinos e ás súas bandeiras proscritas. Non hai comunidade humana onde o político está desligado do ideolóxico e este do cultural e do simbólico. Nós somos unha nación e precisamos símbolos que nos identifiquen e reivindiquen como tal. Un pobo como o noso, negado e castigado desde hai séculos, precisa de se afirmar, de amosar con dignidade a súa existencia. De se autorreferenciar. Porque a ofensiva de popularización da bandeira española existe. Pola vía reaccionaria e carca, ou pola progre, mais é real.
Por iso é tan importante a proposta de Vía Galega do vindeiro 15 de novembro. Ese izado simultáneo de bandeiras galegas en máis de vinte localidades, aínda que debían ser moitas máis. Daremos colectivamente un paso moi importante o día en que manifestemos orgullo na exhibición plena da nosa galeguidade, sen medos nin complexos. Será a mellor demostración de autoestima colectiva. E a base para voar en liberdade.
PS: Estupendo que a Consellaría de Educación defenda con tanto ardor a neutralidade ideolóxica no ensino. Após a denuncia do PP na Coruña, a Xunta demanda tamén desa universidade a reposición da bandeira española "que nos une". Son neutrais e apolíticos o PP e a Xunta. Cómpre responder cando se prescinde da bandeira española e se mantén a galega e palestina. Porque iso é politizar. Galiza e Palestina son política. Israel e España non. É o natural. "O que nos une". Deberían na UDC copiar da neutralidade ideolóxica do centro adscrito á Universidade de Vigo radicado nas instalacións da Escola Naval Militar de Marín, onde non hai unha soa bandeira galega, e si ducias de españolas en solitario, ademais de estar prohibido o uso do galego, de xeito oral ou escrito por docentes e alumnado. Aí non se impón o galego. Esa si é neutralidade ideolóxica. A de España e a do español, que non politizan. Unen.