Non sinto morriña

Non sinto morriña. Por máis que intente, que esprema nos currunchos da miña alma, non son quen de rascar nin sequera unha lasca.


Non sinto morriña. Por máis que intente, que esprema nos currunchos da miña alma, non son quen de rascar nin sequera unha lasca. Vai case un mes de expatriada ou, por que non dicilo claramente, de emigrada, a un océano e a un continente de separación do noso recuncho atlántico. Quizais non sinta como medida de protección, eses segundos nos que a inmediatez do impacto non che permite aínda sentir a dor.

Un país distinto. Unha vida nova. Novas chaves de interpretación. Ecuador ten, concentrado, aquilo que sempre me chamou a atención de América Latina. As cicatrices que aínda feren nun continente coas veas abertas. As contradicións dunha sociedade tan próxima como clasista no trato onde o título sempre debe de preceder ao nome. O autoodio dunha poboación fundamentalmente mestiza que rexeita as súas orixes indíxenas e aparta a quen aínda as leva claramente inscritas na pel. A súplica inscrita na cadencia da frase, a estratexia herdada do pobo oprimido: “No sea malita, por favor”.  Mais tamén ten Ecuador unha esencia sen dúbida irresistíbel: a ilusión dese momento no que todo fica por facer e, polo tanto, no que todo aínda semella posíbel.

Chego a un país en transformación: estradas novas, modernos edificios administrativos, cuantiosos investimentos en educación que fan posíbel que alguén coma min, no inicio da súa traxectoria académica, poida ter aquí un futuro

Chego a un país en transformación: estradas novas, modernos edificios administrativos, cuantiosos investimentos en educación que fan posíbel que alguén coma min, no inicio da súa traxectoria académica, poida ter aquí un futuro, mentres na universidade española fican as portas pechadas para as novas fornadas de doutorad@s por falta de investimento público.

Semella que este é o momento e o lugar. Quizais agora, mais non mañá ou pasado mañá. Baixan os prezos do petróleo, o maná que propiciou a mellora dos últimos anos ao ser reinvertido o ouro negro en políticas públicas. Os medios, sobre todo os aliñados no anticorreísmo, que non son poucos nin pouco importantes, alarman coa entrada nun ciclo decrecente da economía. E o FMI, que se reuniu hai dúas semanas en Lima, encárgase de difundir os seus malos augurios para aquelas  economías non aliñadas nos seus preceptos, entre elas a ecuatoriana. Correa ten na súa contra tanto a aqueles sectores conservadores e tradicionalmente contrarios ás súas políticas como aqueloutros (feministas, indíxenas, ambientalistas...) decepcionados co goberno. Un embude cada vez máis tupido.

Como muller, a vivencia do país abre fendas aínda máis fondas. Experimento o medo ao espazo público, seime sabedora de menor liberdade de movementos

Como muller, a vivencia do país abre fendas aínda máis fondas. Experimento o medo ao espazo público, seime sabedora de menor liberdade de movementos, vexo as consecuencias no día a día dunha omnipresente ideoloxía católico conservadora nas alumnas e amigas que xa son nais cando aínda apenas saíron da adolescencia nun país no que anticonceptivos e aborto semellan aínda tabú.

E mentres divago entre pensamentos e emocións, sigo intentando arrancar lascas ao interior. Ben lonxe de todas as situacións imaxinadas, só consigo sentir morriña daquela morriña que non son quen de sentir.