Referendo catalán, os escenarios posíbeis

A medida que avanza o debate (e o tempo), encol da realización dun referendo, que por acordo de CiU e ERC será para decidir sobre a independencia de Cataluña, vaise perfilando con máis claridade o escenario no que se dará a confrontación coas clases dominantes do Estado español.

A medida que avanza o debate (e o tempo), encol da realización dun referendo, que por acordo de CiU e ERC será para decidir sobre a independencia de Cataluña, vaise perfilando con máis claridade o escenario no que se dará a confrontación coas clases dominantes do Estado español. A consulta convocouse para o ano 2014, e as consecuencias políticas poden definir un antes e un despois no tratamento da cuestión nacional no Estado español. Ademais, o resultado que esta confrontación teña, non exclúe ningún dos territorios que integran hoxe o Estado, e por suposto terá incidencia no exterior, especialmente na Unión Europea. Ninguén poderá ficar á marxe desta loita polo poder e as súas consecuencias futuras, máxime cando a alta burguesía fai da centralización da riqueza e o poder un do seus eixos estratéxicos fundamentais; o outro é aumentar a explotación das clases subalternas.

"A consulta convocouse para o ano 2014, e as consecuencias políticas poden definir un antes e un despois no tratamento da cuestión nacional no Estado español".


Asemade, sen dúbida ningunha, ten moita importancia cal é a postura de cada partido sobre un tema de tanta transcendencia estratéxica, especialmente daqueles que no Parlamento non votaron contra a realización do referendo. Lembremos que PP, UPyD e Citadáns realizan unha agresiva oposición, recreando unha resesa actitude imperialista española. Daquela, neste contexto de globalización neoliberal, tan dinámico e tenso, sen volta ao pasado, non chega con asumir na teoría o dereito de autodeterminación, deixando despois na práctica que pase o tempo sen facer ren para avanzar no proceso, ou sinxelamente facendo da soberanía un obxectivo simbólico. Todo reflicte que a marxe para o tacticismo e a leria é menor cada día que pasa. Por certo as contradicións que teña neste tema a Syriza catalá teñen unha leitura importante para a base do nacionalismo galego, tendo en consideración as afinidades con algunhas forzas.

A esta altura en Cataluña albíscanse cando menos cinco escenarios posíbeis: 

1) Que CiU faga unha brincadeira e chegue a un acordo co PP, en base a concesións menores, que non impliquen ningunha cesión económica e política importante, porén que garantan un mellor financiamento da Generalitat, os intereses dos grandes grupos económicos de Cataluña, e un deixar facer na cuestión lingüística. Esta solución sería ben vista por Durán i Lleida, e pola dirección do PSOE en Madrid e seguramente polo PSC, aínda que non o manifeste tan claramente.

2) CiU parece non estar moi a gusto nunha alianza en exclusiva con ERC, dado que tanto o PSOE como ICV-EUiA non están dispostos a que no referendo a xente vote a prol ou en contra da independencia de Cataluña (dentro da Unión Europea). A autodeterminación para eles remata no Estado federal. Neste sentido ten ademais moita presión de Unió. Polo que existe a posibilidade de que CiU opte por ampliar a base de apoio ao referendo. Neste caso sacrificaría unha resposta clara sobre o Estado propio, e a consulta podería xirar sobre o dereito do pobo catalán á soberanía.

3) Existe unha posibilidade certa de que o Goberno central decida evitar que se realice o referendo, alegando a súa inconstitucionalidade. Rajoy segue argumentando que a realización da consulta se debe solicitar ao Parlamento español, que é o que ten competencias sobre o tema, xa que o Parlament catalán carece delas. Polo que resulta evidente que non permitirá que se realice.

4) Se o referendo se fai ao final, e os resultados son negativos á independencia de Cataluña, seguramente provocará un recuar do nacionalismo moderado e de dereita, representado por CiU, e mesmo pode causar a súa ruptura. Non sería descartábel que Unió rache antes de que o referendo se realice. Sen dúbida este resultado ademais daría azos ao españolismo e ás opcións federalistas, só a curto prazo, xa que as contradicións seguirían vixentes e mesmo afondaríanse.

5) Nunca se pode desbotar, malia que sexa unha opción que estea ateigada de atrancos, que ao final se celebre o referendo e o pobo catalán vote a prol dun Estado propio dentro da Unión Europea. Isto non significa que a vontade democrática se respecte polo Estado español, algo impensábel, e que a realización do referendo non traia aparelladas consecuencias xudiciais e administrativas para as institucións e partidos convocantes.

Os cinco escenarios están ordenados tendo en consideración ao retroceso ou avance que significaría cada un deles para a loita a prol da soberanía en Cataluña. Sen dúbida os dous primeiros son os máis negativos, xa que significan un paso atrás, volvendo á vella tese de reconstruír o Estado dende a periferia. Un proceso que durante a vixencia do Estado das Autonomías amosouse como unha vía morta, para a defensa da identidade nacional, dos intereses económicos e das conquistas sociais. Un exemplo, malia o mergullar lingüístico, o castelán é a lingua predominante en Cataluña (57,9% en 2008). Ademais, a resolución do Tribunal Constitucional sobre a reforma do Estatuto de Autonomía, deu por finalizado calquera avance nesta materia pola vía da reforma e do pacto.

Os tres últimos escenarios serían un paso adiante, xa que máis unha vez deixarían en evidencia que as clases dominantes do Estado español néganse a aceptar a vontade do pobo catalán sobre temas que lle afectan directamente. Mesmo no escenario máis negativo, aquel no que perdería a opción da independencia, a propia celebración da consulta representaría un pulo cualitativo, que abriría as portas á realización dun novo referendo no futuro. Normalizaría na práctica a consulta ao pobo catalán sobre decisións estratéxicas, para alén do valor xurídico que lle dea o Estado español. Neste caso, e en maior medida, de gañar a consulta, terían moita máis forza internacionalmente a realidade nacional catalá e o dereito á soberanía. Tamén ten consecuencias directas sobre o nacionalismo no interno, xa que amosa que a vía política non está totalmente esgotada (sempre que estea unida á mobilización e ao protagonismo das clases populares).

"Mesmo no escenario máis negativo, aquel no que perdería a opción da independencia, a propia celebración da consulta representaría un pulo cualitativo"

A nación galega non estará á marxe desta disputa polo poder, nen por suposto das súas consecuencias, aínda que o nacionalismo queira canealo pensando na negativa correlación de forzas no país. En realidade este debate, e o propio proceso en Cataluña e en Euskadi, permiten trasladar o tema con máis urxencia á poboación, mesmo sabendo que existe unha gran intoxicación por parte dos partidos españolistas e dos medios sistémicos. Asemade, axuda a clarificar as posturas e á efectividade das distintas propostas dentro do nacionalismo galego. É un erro collelo de esguello, pasivamente. Neste tema, que é fundamental para o nacionalismo galego, e para o pobo, cómpre atrevemento (como todo na vida), así como coñecemento e capacidade de transmitir as análises e propostas do xeito máis acaido. E sen práctica é imposíbel facelo.

"Neste tema, que é fundamental para o nacionalismo galego, e para o pobo, cómpre atrevemento (como todo na vida)"

Por último, lembremos que, nesta conxuntura cunha enorme concentración e centralización da riqueza, a soberanía nacional non é só unha cuestión identitaria e de xustiza, senón tamén unha necesidade imperiosa para a nosa nación. A concentración da riqueza e do poder, esmaga as clases populares, e moi especialmente á clase traballadora, mediante a rebaixa de salarios e o aumento do tempo de traballo, a regresión fiscal, a diminución de prestacións sociais, e as subvencións aos grandes grupos económicos. Mais, por outro lado, dáse a centralización da riqueza e o poder, mediante leis e regras de xogo que favorecen os territorios máis fortes. Por iso países con tantas potencialidades como Galiza, van perdendo, ano tras ano, peso no PIB e na poboación do Estado español. E pasaron a mans foráneas o sector financeiro e enerxético, e teñen todo tipo de trabas actividades básicas como o lácteo, gandería, pesca e construción naval.

A cuestión da soberanía é fundamental para Galiza, non só para manter a identidade, senón tamén para poder mellorar as condicións de vida da poboación, reverter o proceso emigratorio e recuperar a natalidade. Sei que non abonda coa independencia, e moito menos se é para seguir dentro da Unión Europea. Mais, sen ela non hai un marco acaído pra resolver certas contradicións e acumular forzas, neste contexto histórico. Este proceso debe ser paralelo a un cambio na correlación de forzas para conquerir a xustiza social.

"A cuestión da soberanía é fundamental para Galiza, non só para manter a identidade, senón tamén para poder mellorar as condicións de vida da poboación, reverter o proceso emigratorio e recuperar a natalidade".

http://manuelmera.blogaliza.org/