Portugal, Barcelona: "O sonho ainda non paga imposto!"

Escribo aínda co impacto, coa emoción intacta tras as masivas manifestacións de Barcelona, de Lisboa, de Porto. Unha multitude, como nunca se vira en Catalunya, como nunca se mobilizara dende o 1º de Maio de 1974 no país veciño. Por acá e por acolá, as cousas están a mudar, acredito. Nestas manifestacións houbo, penso, cando menos dúas cousas extraordinarias.

Escribo aínda co impacto, coa emoción intacta tras as masivas manifestacións de Barcelona, de Lisboa, de Porto. Unha multitude, como nunca se vira en Catalunya, como nunca se mobilizara dende o 1º de Maio de 1974 no país veciño. Por acá e por acolá, as cousas están a mudar, acredito.

Nestas manifestacións houbo, penso, cando menos dúas cousas extraordinarias. Unha, a súa convocatoria, emanada do que se deu en chamar, aceptando a ambigüidade do termo, sociedade civil autoorganizada, nun escenario no que “o povo é quem máis ordena”, arrastra e condiciona ao conxunto dos axentes sociais; de aí que as correntadas de xente sen encadrar, estiveran inzadas de creatividade popular e alegre (dentro da desesperación que xa se albisca por algures) sentido da esixencia. Outra, a sinxela contundencia dos obxectivos: construír un novo Estado en territorio europeo, elaborar un calendario para a secesión e a independencia, en Catalunya; dimisión inmediata do goberno “troikista” (ollo!, non confundir con “trostkista”!), convocatoria de “greve geral popular” coa participación dos traballadores e autónomos empregados máis tamén dos cidadáns sen emprego, en Portugal. Non están os tempos para vaguidades, pois.

Se cadra a alguén poida sorprender que antes non incluíra a tamén masiva concentración celebrada en Madrid o 15-S. Deixando a parte comparacións respecto da cantidade de asistentes ou as características das distintas manifestacións, si me parece que hai diferenzas entre elas en canto a radicalidade das súas reivindicacións: de feito, en Madrid a máxima principal era someter a referendo os recortes esixidos pola “Troika”, un referendo que está a ser utilizado como cortina de fume para adiar a convocatoria dunha Folga Xeral e que pretende canear a responsabilidade do PSOE na xestión da crise, esquecidos xa de maneira interesada o “Pensionazo” ou o acordo dos socialistas co PP para mudar a Constitución.  

 Arestora, na Galiza hai compañeiros e compañeiras que poñen o acento nunha necesaria avinza entre a esquerda española coa do país, coa finalidade de incorporar aquela á teima por conquistar a nosa capacidade para decidir e ampliar as confrontacións clasistas na Galiza. Concordo. Mais, ao meu entender, compre construír o escenario acaído para tal acordo. Teño para min que un intercambio de cromos con finalidade electoralista, que para uns remata no mesmo 21-0 e para outras proxéctase no tempo coa finalidade de acadar o que “realmente importa” (ocupar espazos “influyentes” no electorado socialdemócrata do PSOE, para condicionar a este partido de cara a un futuro Goberno do Estado sen o PP), non é o mellor dos escenarios. Outra cousa sería que na Galiza recuperaramos o noso papel central na xeira mobilizadora, tal e como aconteceu no devalo dos 90 e comezos do século XXI: a loita anti-LOU, o “Prestige” e as manifestacións contra a Guerra do Iraq, as afoutas loitas do metal pontevedrés de 2006 e 2009, a derradeira folga xeral do 29 M...Como dicía hai poucos días nestas mesmas páxinas de SERMOS, na emocionante e imparable maré do pobo en libertario exercicio dos seus dereitos, cabemos todos e todas e alí de seguro nos podemos atopar e (re) coñecer.  

Son tempos de indignación, de desobediencia, de mobilización, onde todo pode ser posível. Tamén na Galiza. Porque, como berraban na mani de Lisboa, “O sonho aínda non paga imposto!”. Tampouco na Galiza.