Onde temos que estar

  Sábado 23 de marzo, pola mañá, unha semana despois da Asemblea Nacional. As e os compañeiros do Bloque da miña comarca estamos en Burela, defendendo o Hospital da Costa xunto co resto de persoas –unhas 3.000-  que apoiaron a convocatoria da Plataforma pola Defensa da Sanidade da Mariña.

 

Sábado 23 de marzo, pola mañá, unha semana despois da Asemblea Nacional. As e os compañeiros do Bloque da miña comarca estamos en Burela, defendendo o Hospital da Costa xunto co resto de persoas –unhas 3.000-  que apoiaron a convocatoria da Plataforma pola Defensa da Sanidade da Mariña. En Pontevedra, a propia Executiva Nacional, o alcalde, concelleir@s e moit@s militantes ao carón dos milleiros de persoas preferentistas estafadas. En Silleda, dúas horas despois, outro tanto, co noso Matías á fronte. E da Coruña chéganme fotos amigas da mobilización polo emprego de Santa Bárbara. Anda o Bloque ensimesmado ou está onde ten que estar?

"Escoitamos falar de derivas “cara a marxinalidade” nas últimas semanas. Non vexo por ningures tal vocación suicida. Nin a temos nin a tivemos nunca"

Escoitamos falar de derivas “cara a marxinalidade” nas últimas semanas. Non vexo por ningures tal vocación suicida. Nin a temos nin a tivemos nunca:  á nosa militancia, por moito que a caricatura mediática teimase, nunca lle interesaron nin as ostentacións de pureza ideolóxica nin a custodia das esencias, que non deixan de ser escusas a destempo para quen, envolto nelas, quer ocultar incapacidades propias naquilo que si resulta relevante: incidirmos na dialéctica social, sermos referentes positivos na nosa veciñanza, termos presenza e actividade política real nos nosos concellos. 

Ao revés. Estamos aquí, no comezo dunha etapa nova, formulándonos en positivo. O tempo que vivimos é complexo e vai precisar de intelixencia, de xenerosidade, de actitudes e aptitudes construtivas. Deriva haina, polo demais. Existe, mais deixádeme dicirvos cara onde, ou cal percibo eu no que me rodea, naquilo do que formo parte e do que tento aprender a cada intre. Haina cara unha vocación anovada de tender pontes, de sumar e ampliar apoios, de ser nós e estar con outr@s, acompañando, cooperando, tecendo redes e xerando novas complicidades. Ao noso carón, por un e outro lado, colectivos e persoas que, coma nós, senten o poder como un abuso. Comezamos a construír o futuro cando nos damos conta de que podemos camiñar xunt@s. 


Polo demais, temos moito por diante, moito traballo por facer. No ámbito social, no comunicativo, no institucional, no interno, no campo da ideas, no da xente moza, no local e comarcal. Imos facelo xunt@s, hai sitio para tod@s. Mesmo tamén para as dúbidas, por certo. Lexítimas e nada problemáticas naquelas persoas que, porque lles doe este país e lles doe o BNG, traballan arreo onde lles toca e formulan na casa, coas e cos demais, os seus interrogantes. Desde esa praxe de lealdade ás e aos compañeiros non haberá problemas. O desenvolvemento no concreto das liñas de traballo marcadas e unha dinámica interna inclusiva han de ir fortalecendo as coincidencias.  

"O desenvolvemento no concreto das liñas de traballo marcadas e unha dinámica interna inclusiva han de ir fortalecendo as coincidencias"

Finalmente, a soberanía. O que sempre, desde 1918, reclamamos as nacionalistas. Dereito a decidir, a ser plenamente nós, e capacidade real para o exercermos. Mais tamén, hoxe, condición indispensábel e ferramenta sine qua non para facermos fronte á globalización capitalista. Ou sexa, para devolvermos a democracia ao pobo e tirarlla das gadoupas aos mercados, á grande banca, ao grande capital transnacional. Outravolta: para podermos, na práctica, poñer en marcha políticas que atendan os intereses das maiorías sociais, do pobo, e non desta Europa do euro que impón gobernos estatais, obriga a quitas selectivas e dita con frialdade cirúrxica o empobrecemento social. 

Toca explicalo con intelixencia, por suposto, con pedagoxía, desde unha linguaxe inclusiva para con outras tradicións políticas e comprensíbel para as maiorías sociais, dándolle carne e levándoa do abstracto ao concreto. Mais si, é agora o momento da soberanía. É necesario e, para alén diso, é oportuno. Para camiñarmos cara futuras confluencias de todas as que acreditamos na Galiza, nación, autodeterminación. Fronte á crise de réxime que padecemos, vía morta que nada ofrece.  A nosa proposta, diciámolo antes, formúlase en positivo:  cara un novo proceso constituínte, democracia, soberanía, igualdade e benestar.