EDITORIAL Aurelia como símbolo

  A historia da anciá coruñesa Aurelia Rey -a quen estes días atrás tentaron despexar da súa morada por se demorar no pagamento de apenas un mes de aluguer- simboliza á perfección como vai a partida da crise, quen gaña por goleada e quen perde. Temos no goberno do estado un ministro, o de Facenda, que promoveu unha lexislación para os ladróns de luva branca poderen branquear os seus botíns.

 

A historia da anciá coruñesa Aurelia Rey -a quen estes días atrás tentaron despexar da súa morada por se demorar no pagamento de apenas un mes de aluguer- simboliza á perfección como vai a partida da crise, quen gaña por goleada e quen perde. Temos no goberno do estado un ministro, o de Facenda, que promoveu unha lexislación para os ladróns de luva branca poderen branquear os seus botíns. Aconteceu sintomaticamente que un deses delincuentes de alto standing (delincuente, si, pois de delito fiscal falamos) fora durante máis de 20 anos o dono da caixa rexistradora do partido que goberna con maioría absoluta no estado e na Galiza, o tesoureiro Bárcenas, a quen agora Feijóo, como se non o coñecer de nada, chama "ese tío".

Pois ben, a lexislación é piadosísima con Bárcenas e cruel con Aurelia. Isto, que o entende calquera crianza de primaria, non o parece captar ben a dirección do partido no goberno na Galiza. Vexamos. Feijóo, como acostuma facer, púxose de perfil e apelou vagamente á pretensa disposición ao diálogo do concello da Coruña, para achar unha solución ao gosto de tod@s (como se tal cousa for posíbel). Puy pretextou non ter dados abondos para valorizar o asunto. E Negreira resolveu a cuestión apelando á vella beneficencia, dicindo que a señora, que se manexa perfectamente ben soa e que ten unha lucidez que moit@s administrad@s quixesen ver nos nosos gobernantes, estaría mellor nunha residencia que na súa casa de toda a vida.

A lexislación é piadosísima con Bárcenas e cruel con Aurelia

Poucas historias como a da anciá coruñesa Aurelia Rey patentizan de que lado se pon o PP cando se producen conflitos sociais, cando chocan os intereses entre as persoas podentes e as humildes, entre as ricos e as pobres.

A dereita no goberno non só milita no bando dos plutócratas, tamén leva ao lombo o pesado fardel da súa historia autoritaria. Por iso avalou a carga policial contra centenares de persoas que a segunda feira ocuparon civicamente a rúa Padre Feixóo da Coruña para evitaren o despexo. Entre esas persoas estaban representantes do pobo, depositarias da soberanía popular. O portavoz do BNG no Parlamento, Francisco Jorquera; o voceiro do grupo municipal nacionalista, Xosé Manuel Carril; o concelleiro de Esquerda Unida, César Santiso. Mallaron neles con modos non propios dunha policía democrática, mais si dun órgano de represión dun estado fascista.

Esta gravísima actuación da policía foi negada polo delegado do goberno en Galiza, que insultou a intelixencia da veciñanza da Coruña, e do pobo galego por extensión, ao afirmar que non houbo carga ningunha e que os axentes se limitaran a opor a forza dos seus corpos contra outros corpos.

A dignidade de Aurelia contrasta coa indignidade de quen realiza, avala ou ampara pronunciamentos desta caste.