14N, a esperanza como imperativo

    Imos perdendo. Certamente ese é o resultado polo momento desta guerra na que co seu saqueo sen límites están a converter a loita de clases, que neste sistema enfronta --de sempre-- os intereses dunha minoría rica e poderosa cos da maioría á que expropia, á que explota. Imos perdendo, mais inda non fomos derrotadas nin derrotados.

 

 

Imos perdendo. Certamente ese é o resultado polo momento desta guerra na que co seu saqueo sen límites están a converter a loita de clases, que neste sistema enfronta --de sempre-- os intereses dunha minoría rica e poderosa cos da maioría á que expropia, á que explota. Imos perdendo, mais inda non fomos derrotadas nin derrotados. Imos perdendo mais nas nosas mans está o poder para tentarmos, polo menos tentarmos, inverter este resultado.

O desacougo, o temor, as dúbidas... son comprensíbeis e humanas. Todas e todos albergamos ese pavor latexante que algunha vez mesmo nos afoga, nos conxela, ao comprobármonos como de repente a (nosa) xente vai quedando atrás. Perdendo primeiro o emprego, despois a vivenda e ás portas mesmas da indixencia. Foi a brutal violencia da inxustiza a que segou a vida de Amaia esta semana en Barakaldo, a mesma que desde hai anos fai de isca do lume dos moitos que xa se prenderon ao bonzo nas rúas de Atenas, vítimas deste réxime de cruel desigualdade. E mentres a Bolsa española saca peito presumindo de que as compañías que nela cotizan son as que máis dividendos e bonus reparten entre o seu accionariado capitalista, en todo o mundo.

Estes cinco anos de crise xa nos aprenderon que ficar quedas e quedos non é opción. Quen pense que permanecendo de brazos caidos ou fuxindo do confronto sairá ben parado, erra. Van a por todo. Van a por todas e todos. O que hai apenas uns anos semellaba intocábel hoxe xa está perdido, mais non é irrecuperábel. O capital non cesará na súa ofensiva contra o pobo. Non lle tremerá o pulso en nos empobrecer até o limiar mesmo da fame, si da fame, para seguir a engordar os seus gaños. Non dubidará en nos reprimir co fascismo de outrora para frustrar a ineludíbel resposta, para nos atar de mans e pés mentres nos segue a torturar. Nada nin ninguén fica a salvo. Todo está baixo este conflito, do que só caben dúas saídas: ou eles, ou nós.

"Quen pense que ficando de brazos caidos ou fuxindo do confronto sairá ben parado, erra. Van a por todo. Van a por todas e todos.O capital non cesará na súa ofensiva contra o pobo"

Non hai solucións fáciles nin camiños curtos. Nunca caben na guerra e menos nunha destas dimensións. Quen os defenda, malia o facer coa mellor das retóricas, está a enganarnos con espellismos que o propio sistema alenta para nos paralizar con máis e máis frustración.

Porén, o noso alento fronte esta xigante tarefa que enfrontamos vén da forza da necesidade. Da imperiosa necesidade de mudar, por nós propias e propios, pola nosa propia subsistencia, unha realidade que ameaza con nos esmagar. Non é un maremoto. Non é unha tempestade. Ficamos apenas fronte o recrudecemento dunha batalla que algúns créron falsamente enterrada baixo os restos daquel muro que derrubaron para nos privar do anceio dunha sociedade nova e diferente.

A esperanza non é un dereito, é un imperativo histórico. Non podemos renunciar a ela. Quen nos antecedeu, malia as dificultades --que eran moitas, non a perdeu nunca. Quer os primeiros obreiros valentes que se deixaron literalmente a vida para impedir que seguiramos a traballar de sol a sol por un miserábel prato de lentellas. Quer as e os entregados partisanos que plantaron cara ao fascismo. Quer os sans culottes da revolución francesa, aos que a pesar de non ter nada de seu nunca lograron desposuír da dignidade que outorga a razón. Quer o proletariado e o campesiñado que protagonizaron unha revolución colosal un outubro de hai 95 anos. Quer as sufraxistas que teimaron en facernos ver que a humanidade ten tamén, e sobre todo, nome de muller. Ou aquelas e aqueles antergos nosos, quen sen nunca chamarse a si propios irmandiños encarnaron o valor da irmandade, da irmandade na loita.

Non nos podemos permitir o luxo de renunciar á esperanza como motor dos cambios que arelamos. Non lles podemos outorgar a vantaxe do medo nin da resignación. O noso inimigo conta xa con abondoso poder, con moitos instrumentos ao seu servizo, como para lles conceder a nosa capitulación por adiantado.

"Non nos podemos permitir o luxo de renunciar á esperanza como motor dos cambios que arelamos. Non lles podemos outorgar a vantaxe do medo nin da resignación".

Este 14 de novembro terá lugar unha conxunción histórica. Millóns de traballadoras e traballadores en Europa estamos chamados a secundar unha xornada de folga, unha xornada de loita, para volver exercitar, máis unha vez e non por derradeira, a forza da nosa dignidade. A oportunidade de seguir a combater nas rúas fronte a barbarie asasina do capitalismo e os seus executores.

A clase traballadora galega temos, pois, unha nova cita na procura da nosa plena emancipación social e nacional. Toca tragar saliva, sobreporse ao medo, enfrontar con coraxe a batalla. Saltármonos decididas e decididos ás trincheiras para librar un combate, que non rematará o 14N mais no que podemos avanzar. Paso a paso. Loita a loita. Sen pausa. Até a vitorial final. Até liberármonos do xugo da explotación do home polo home, até rachar as cadeas que someten a nosa nación e a outros pobos.