Galiza: o inicio da fin da era Feijóo

Galiza leva demasiado tempo gobernada por unha coalición do Partido Popular cos principais poderes económicos e mediáticos do país. A era Feijóo impuxo a axenda neoliberal máis descarnada desarticulando o público, a protección da lingua e da cultura, desmantelando a pouca industria que nos quedaba. Unha era respostada polo negro coma cor da protesta das enfermeiras e enfermeiros eventuais e dos que loitan por unha CRTVG que informe baixo criterios profesionais.

Institucións privatizadas partidariamente que non asumen os compromisos de limpeza democrática nin atenden o momento de emerxencia social que padecemos. Manter a Milagros Otero ensucia a Valedoría do Pobo como institución. Normalizar a precariedade da vida da xente do común ao tempo que se favorecen os negocios duns poucos e se lexisla para eles, demostra a desconexión que Feijóo ten coa realidade cotiá.

A fin da era Feijóo non pode supoñer unha mudanza superficial hipotecada aos intereses dun PSOE incapaz de rachar co seu pasado de concertación e de renuncia: vímolo estas semanas co seu persistente encantamento con Ciudadanos, partido zombi en Galiza e aliado necesario da ultradereita.

Este 25 de Xullo debemos lembrar que unha alternativa ao Partido Popular na Galiza debe poñer en marcha unha economía do ben común, autocentrada no país, que entenda non só de beneficios inmediatos como consecuencia da depredación e do espolio para unhas poucas multinacionais, senón que articule unha economía sustentable, creando riqueza compatible coa preservación do medio e do territorio para o futuro. Unha aposta que precisa de toda a xenerosidade, altura de miras e intelixencia colectiva. De poñer a Galiza e ás súas xentes por diante de todo.