Contra o pensamento único

Hai tempo que a doutrina neoliberal e as súas secuelas de simplismo filosófico derivaron no único pensamento aceptado para explicar a realidade material, política, económica, social e cultural do mundo. Calquera doutrina ou opinión que ouse discrepar dese esquema irracional de bos e malos é considerada unha heterodoxia inadmisíbel e, por tanto, susceptíbel de ser marxinada, desprestixiada ou reprimida.

No balance que podemos facer da aplicación dese "sistema de valores" hai que recoñecerlle un éxito innegábel. Logrou que unha parte considerábel da sociedade, especialmente nos ámbitos político, xornalístico, académico e cultural adoptasen ese marco conceptual e referencial para emitir calquera opinión sobre o que ocorre no mundo. Unha única ideoloxía válida, espallada polos medios mainstream e unha pléiade de ONGs (auspiciadas e financiadas polas elites) aos que se lles encargou "persuadir" á sociedade da adopción dunha serie de valores "apolíticos" vacuos e caritativo-emocionais (ecoloxismo, asistencia ao terceiro mundo, apoio aos inmigrantes, etc.) plenamente concordantes coas consecuencias provocadas pola acción das mesmas elites (transnacionais) na súa explotación voraz das riquezas do planeta. 

Os mesmos que producen os brutais desequilibrios socio-económicos alterando os ecosistemas, xerando múltiples guerras coloniais, ademais de provocar éxodos brutais en calquera parte do mundo, brindan, nun acto de suprema hipocrisía, unhas migallas de caritativa axuda para encubrir os seus actos criminais.

Pero como resultou imposíbel acalar totalmente as voces disidentes impoñíase crear unha especie de Santo Oficio que potenciase a delación de heterodoxos, como medida disuasoria, e determinase con precisión cal é a información correcta. Así é como nacen os fact-checkers dedicados a ese labor de "verificación da verdade", nunha viraxe orwelliana moi real, como ben sinala o profesor David Souto. Segundo esta nova inquisición, a "verdade" é a que coincide co canon estabelecido. Deixou de ser un concepto material verificábel, susceptíbel de ser investigado e determinado por medios científicos para ser nada máis que unha moda estatística derivada do pensamento dominante.

A pandemia do pensamento único calou de forma profunda e duradeira, propinando un impacto demoledor á capacidade crítica da sociedade. Recoñécese ben cando pretendemos enfocar un asunto de certa transcendencia con racionalidade (apartándonos do politicamente correcto) como, por exemplo, na análise dos puntos escuros que envolven a Covid ou nas claves de conflitos internacionais como a guerra ucraína (unha guerra, por certo, que é consecuencia doutra iniciada por Ucraína —co apoio da OTAN— hai oito anos —con milleiros de mortos—  e da que ninguén fala). Nestes casos, calquera heterodoxia, incluso a expresada de forma racional e respectuosa, contemplando todos os seus aspectos e contradicións, é desbotada sen miramentos e condenada ao ostracismo. A verdade pasou a ser un prexuízo político-moral-mediático non obxectivábel. Branco ou negro, con nós ou contra nós. A Galileo tocoulle vivir algo parecido hai... catrocentos anos.