De Zara a Gadis ou a AP-9: unha rebelión contra o autocobro
“Por favor, pague nas caixas de sempre, non nas de autocobro”. A apelación das traballadoras de Lefties e Zara á clientela é unha chamada de alerta sobre un proceso que se estende por Galiza, de supermercados a autoestradas, de comercios a gasolineiras; e con consecuencias no emprego e condicións laborais.
A substitución de persoas empregadas por máquinas autocobro xa se estende por Galiza desde hai uns anos. Daquelas primeiras gasolineiras de autoservizo e cabinas de autopago na autoestrada ás caixas de autocobro en supermercados, tendas e comercios. “É vergoñento e indignante que unha multinacional como Inditex, que obtén miles de millóns de euros de beneficios, estea a poñer máquinas para suplantar as traballadoras”, manifesta en conversa con Sermos Galiza Carmiña Naveiro, delegada da CIG en Lefties. De feito, son as tendas desta marca e de Zara no centro comercial Marineda City da Coruña, un dos máis grandes no Estado e banco de probas de Inditex, das primeiras en instalar este servizo de autopago: 7 caixas en Zara e 11 en Lefties. “É un primeiro paso, se non o remediamos en breve estenderase por todas as tendas de Galiza”, vaticina Naveiro.
En xullo de 2013 Gadisa instalou caixas de autopago nalgúns dos seus supermercados para que a clientela pague sen necesidade de recorrer ás caixas. “Daquela xa nos mobilizamos contra esas máquinas e o que traían con elas”, lembra en conversa con este semanario Manuel Varela, delegado do sindicato nacionalista en Gadis. Iso que traían con elas era menos persoal: “Ten en conta que cada unha delas elimina dous traballos, polas quendas que cobre”. Varela di que actualmente en Compostela xa hai tres supermercados de Gadis con caixas de autopago.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 316 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]