A Xunta deixa de valorar a permanencia e medidas de conciliación nos concursos de traslados do seu persoal

Concentración fronte a Xunta da Galiza (Foto: CIG)

A CIG-Autonómica denuncia que a Xunta eliminou nos últimos concursos de traslados a puntuación pola permanencia no mesmo posto e por medidas de conciliación, dous méritos recoñecidos durante anos. A central sindical considera que estes cambios supoñen un recorte no recoñecemento da experiencia profesional e reclama a súa rectificación inmediata

Despois de que nos últimos concursos de traslados a Xunta de Galiza suprimise a puntuación polo tempo de permanencia no mesmo posto —un mérito consolidado durante máis de vinte anos—, a CIG-Autonómica denunciou esta segunda feira que este cambio supón un recorte claro no recoñecemento da experiencia profesional e “muda as regras do xogo no medio da partida”.

Ademais, critican tamén a eliminación da puntuación por medidas de conciliación. Por iso, a central sindical exixe a rectificación inmediata destes cambios e a implantación dun sistema adaptado aos dereitos do persoal, ao tempo que advirte de que “non imos permitir que este recorte se consolide nin que se estenda ao conxunto dos concursos da Administración Xeral”.

Desincentivar a especialización

O sector da Autonómica da CIG explica que a permanencia valora a estabilidade, a continuidade no desempeño, o coñecemento consolidado do posto e o compromiso co servizo público. A súa eliminación, sinalan, supón desincentivar a especialización adquirida coa práctica diaria.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal (DXEP) xustifica este cambio argumentando que, coa aprobación do Decreto 151/2022 —o chamado decreto de mobilidade—, xérase unha desigualdade na valoración deste mérito segundo se o posto anterior foi obtido mediante concurso de traslados ou a través dun proceso selectivo. Con todo, a CIG sostén que “se existe tal desigualdade, é responsabilidade da Xunta modificar o decreto que ela mesma aprobou e facelo mediante negociación”.

Restrición á conciliación

O cambio de criterio tamén restrinxe gravemente a conciliación ao eliminarse a puntuación por achegamento a fillos, fillas e persoas en situación de dependencia, mantendo unicamente o reagrupamento coa parella. Esta decisión deixa fóra as familias monoparentais e monomarentais e ignora situacións de separación ou dependencia. A CIG-Autonómica subliña que esta modificación debería ir acompañada do preceptivo informe de impacto de xénero, tal e como exixe a normativa de igualdade aplicábel á actuación da administración pública.

“A supresión deste mérito ten un impacto directo nas responsabilidades de coidados, asumidas maioritariamente polas mulleres. Se non se avaliou expresamente este efecto, estariamos ante un posíbel incumprimento da obriga legal de integrar a perspectiva de xénero e evitar discriminacións indirectas”, advirten. 

A Dirección Xeral de Emprego Público argumenta tamén que a aplicación informática FIDES, utilizada para xestionar os concursos, non está adaptada para valorar este mérito. Neste sentido, a representación da CIG lembra que a tecnoloxía debe adaptarse ás bases negociadas, “e non ao revés”.

“Non podemos depender deste aplicativo do Sergas nin imos aceptar que en 2026 non exista unha ferramenta propia e adaptada ás necesidades da Administración Xeral da Galiza”, conclúen.