Vigo acollerá esta quinta feira as protestas centrais dos sindicatos polo Día Internacional da Clase Traballadora
A "fin das guerras" e da precarización laboral centra as mobilizacións deste Primeiro de Maio.
Os sindicatos volverán saír á rúa na Galiza esta quinta feira, 1 de maio, Día Internacional da Clase Traballadora, co foco posto na redución da xornada laboral, nunha subida salarial e no "fin das guerras". Será a cidade de Vigo a que acollerá as principais protestas que se desenvolverán no país,
A CIG chamou a mobilizarse con motivo do 1 de maio para "encher as rúas" contra as "guerras imperialistas" e a "militarización" da sociedade nun contexto de "submisión" da Unión Europea aos intereses "belicistas" dos Estados Unidos.
A súa concentración principal, á que acudirá o seu secretario xeral, Paulo Carril, será a de Vigo, que partirá ás 12horas do cruzamento da Dobrada.
Iso si, o sindicato convocou máis dunha quincena de protestas por diversos municipios de toda a Galiza. Todas elas ás 12 horas excepto a de Ourense (praza Maior) e Vilagarcía de Arousa (Casa do Mar), que serán ás 11.30 horas, mentres que a de Cangas sairá ás 18 horas da praza do Concello.
O resto de manifestacións comezarán ás 12 horas: A Coruña (praza de Vigo); Carballo (praza do Concello), Cee (praza Otero Lastres); Ferrol (avenida de Esteiro); As Pontes (praza de América); Santiago (praza Roxa); Lugo (edificio sindical); Cervo (fábrica de Sargadelos); Verín (praza do Concello); Pontevedra (praza da Ferraría); A Estrada (praza do Mercado); Vigo (A Dobrada), e A Guarda (praza Avelino Vicente).
UXT e COO
Pola súa banda, UXT e CCOO levarán a cabo en Vigo a súa manifestación central do 1 de maio na Galiza, partindo de Vía Norte ás 11.30 horas, ademais de mobilizacións descentralizadas nas cidades galegas. Unha protesta que terá o foco en conseguir unha redución de xornada a 37,5 horas semanais e alcanzar subidas salariais. Tamén, ao igual que a CIG, reivindicarán "vivir en paz", polo que exixen "a fin do xenocidio" en Gaza e condenan a ocupación rusa de Ucraína.
"Levamos 40 anos con esa xornada de 40 horas", lamentou a secretaria xeral de CCOO, Amelia Pérez, indicando que "non hai xustificación para esa cerrazón da CEOE e os empresarios para non abordar esta cuestión e fecharse en banda".
O seu homólogo en UXT Galicia, Cristóbal Medeiros, expresou a "necesidade" dunha redución da xornada laboral por "dignidade", en favor da conciliación e tamén para "crear emprego", defendendo que suporá unha "mellora da produción aínda que non o crea a patronal".
Ademais, ambos os sindicatos puxeron sobre a mesa outras demandas, como a reforma da normativa do despedimento. Así, lembran que o Comité Europeo de Dereitos Sociais condenou o Estado español por limitar a indemnización por despedimento improcedente, polo que require recuperar salarios de tramitación e a patronal "debe sentar a negociar".
CXT, CNT, CUT e o Sindicato da Elevación levarán a cabo unha marcha conxunta na Coruña ás 12.30 horas que partirá da praza de Pontevedra baixo o lema 'A clase traballadora en loita'.
BNG e PSdeG
En cando a representantes políticos, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, non poderá asistir a ningunha destas manifestacións debido a problemas de saúde, mentres que si o fará o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, que irá á convocatoria da CIG xunto co portavoz municipal de Vigo, Xabier P. Igrexas, entre outros representantes institucionais do BNG..
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, acudirá á manifestación convocada por UXT e CCOO. Antes, desprazarase ao cemiterio de Pereiró ás 10 horas, onde levará a cabo un acto homenaxe aos alcaldes e representantes políticos fusilados polo Franquismo.