Tres de cada dez persoas empregadas na Galiza traballan polo menos dous sábados ao mes

Camareira atendendo un estabelecemento de hostalaría. (Foto: David Zorrakino / Europa Press)
Das case 940.000 asalariadas na Galiza, 36.600 persoas foron contratadas a través dunha empresa de traballo temporal e 18.700 obtiveron o seu emprego actual coa mediación dunha oficina de emprego pública.

29,2% da poboación galega ocupada en 2024 traballou dous ou máis sábados ao mes en 2024, mentres que 20,3% tivo que acudir ao seu posto como mínimo un domingo ao mes, segundo se desprende das distintas variábeis recollidas da Enquisa de Poboación Activa (EPA) que publicou esta sexta feira o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Neste sentido, o IGE asegura que o ano pasado o sector de estudos de Tecnoloxías da Información e Comunicación rexistrou a taxa de ocupación máis elevada, con case 80%. Pola contra, Artes, humanidades e linguas contabilizou a taxa de paro máis alta, con 12,9%.

Nivel de estudos

En concreto, 40,3% das persoas ocupadas na Galiza o ano pasado tiña un nivel de estudos básico, mentres que 12,6% estaba formado en Mecánica, electrónica ou outra formación técnica, industria e construción.

"O sector do nivel de formación ten influencia nas variábeis do mercado laboral. Así, a poboación formada en tecnoloxías da información e as comunicacións conseguiu a taxa de actividade máis alta, seguida de servizos e de mecánica, electrónica e outra formación técnica", explica o IGE.

ETT e oficinas de emprego

En cando a operar os sábados e os domingos, máis de 34% das persoas ocupadas galegas tivo que traballar polo menos un sábado ao mes e 20% un domingo. Entre outros datos, das case 940.000 asalariadas na Galiza, 36.600 persoas foron contratadas a través dunha empresa de traballo temporal e 18.700 obtiveron o seu emprego actual coa mediación dunha oficina de emprego pública.