Traballadores increpan a conselleira de Economía e o director territorial de Ence en Compostela
Os traballadores da pasteira critican "oídos xordos" da Xunta diante do ERE.
Delegados do Comité de Empresa de Ence en Lourizán concentráronse esta cuarta feira nos arredores do Hotel Monumento San Francisco en Compostela diante da presenza nun acto da conselleira de Economía, María Xesús Lourenzá, e o director territorial de Ence na Galiza, Antonio Casal.
Cunha faixa coa frase 'Non á perda de postos de traballo', os delegados do comité de empresa increparon Lourenzá e Casal lembrándolles "os supostos investimentos e axudas públicas" diante do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) co que Ence pretende despedir 39 traballadores da súa fábrica en Lourizán.
Un "forte dispositivo policial" evitou que os traballadores de Ence se achegarse á conselleira de Economía, que tivo que retrasar a súa entrada no acto por mor da protesta, segundo explicaron a Nós Diario os traballadores concentrados en Compostela.
O cadro de persoal acusa a Xunta da Galiza de facer "oídos xordos" diante das peticións de reunións presentadas polo comité de empresa nos últimos meses vía rexistro e critica a "nula resposta" do Goberno galego a estas solicitudes de audiencia.
Ademais, o comité de empresa de Ence está de novo citado esta quinta feira cos responsábeis da pasteira para a negociación arredor do "despedimento colectivo" que Ence puxo enriba da mesa o pasado mes de novembro, e que provocou a convocatoria de xornadas de folga e protestas por parte dos traballadores de Lourizán, que esta terza feira se manifestaron ás portas da Xunta da Galiza e a semana pasada protestaron tamén diante da sede da Confederación de Empresarios da Galiza (CEG) en Compostela.