VÍDEO | Traballadoras dos coidados responden a Fabiola García: "Vítimas somos as que traballamos con soldos miserentos e xornadas inhumanas"

A conselleira de Política Social, Fabiola García, este 15 de outubro, no pleno do Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

Persoal do SAF e de residencias e centros de día privados publican un vídeo colectivo no que contestan ás declaracións da conselleira, que afirmou sentirse "acosada".

Traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e de residencias e centros de día privados responderon esta cuarta feira con firmeza ás palabras da conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, quen nos últimos días asegurara sentirse "acosada" polas mobilizacións do sector. A través dun vídeo difundido nas redes sociais, unha decena de traballadoras replican a esas declaracións e denuncian a precariedade laboral e o abandono que sofren por parte da Xunta da Galiza.

No vídeo, as participantes interveñen unha a unha, nun ton sereno pero contundente. "Vítimas somos nós, as que traballamos con soldos miserentos e xornadas inhumanas, sen dereitos nin descanso", afirman ao inicio. As traballadoras lembran que moitas compañeiras "teñen que escoller entre comer ou pagar a luz" cos salarios que a Xunta "permite" e acusan a Consellaría de abandonar o sector co beneplácito das "súas empresas amigas".

As mensaxes tamén fan referencia ás condicións das persoas usuarias do servizo: "Vítimas tamén son os nosos maiores, abandonados por unha Xunta que recorta en coidados mentres enche os petos das multinacionais", sinalan.

Nun dos fragmentos máis duros, outra das traballadoras lembra o falecemento de Teresa de Jesús, traballadora do SAF do Porriño (comarca de Vigo), a quen mencionan como "vítima da desprotección e da inacción" da Consellaría.

O vídeo remata cunha mensaxe colectiva: "Basta xa de facerse a vítima, señora conselleira. Exiximos solucións! Non queremos conselleiras que se vitimicen, senón que loiten polos nosos dereitos".

O sector do SAF mantén nos próximos días novas mobilizacións e dúas novas xornadas de folga —23 de outubro e 4 de novembro— para reclamar melloras salariais, estabilidade laboral e unha atención digna tanto para as profesionais como para as persoas dependentes ás que atenden.

"Sexismo é precarizar un sector feminizado"

Aliás, a CIG-Servizos acusou esta cuarta feira a conselleira de practicar "machismo institucional" ao manter a maioría das mulleres que traballan no sector dos coidados "en condicións laborais indignas, con salarios baixos e contratos precarios". A central sindical respondeu así ás declaracións da conselleira, que, segundo denuncian, "criminalizan a loita" das traballadoras dos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), das residencias e dos centros de día privados.

"Resulta sorprendente a falta absoluta de sensibilidade dunha conselleira responsábel da precarización dun sector entregado ao lucro empresarial e no que se produciron sucesos tan graves como a recente morte da compañeira Teresa no SAF do Porriño", sosteñen desde a federación.

A CIG lembra que as empregadas do sector levan meses mobilizándose ante a parálise dos convenios colectivos, bloqueados pola negativa das patronais a negociar "coa complicidade da conselleira", e sinala que a Xunta da Galiza é a máxima responsábel da atención ás persoas dependentes, un sistema "en desmantelamento pola Administración galega e polas empresas privadas".

A organización rexeita que se criminalicen estas protestas e acusa Fabiola García de "pretender presentarse como vítima para ocultar as consecuencias da súa nefasta xestión". "Sexismo é precarizar un sector feminizado", engade, e define o "verdadeiro machismo institucional" como "manter milleiros de mulleres traballadoras con contratos precarios e salarios indignos mentres se desleixa un servizo esencial".