O persoal de CCOO comeza unha folga indefinida: "Pedimos o mesmo que o sindicato en calquera mesa de negociación"

O secretario xeral de CCOO, Unai Sordo. (Foto: H. Bilbao / Europa Press)
Unai Sordo defendeu que "a evolución dos salarios en CCOO non ten nada a ver coas empresas".

O persoal laboral de CCOO está en folga indefinida. Esta segunda feira comezou a convocatoria de paro para as traballadoras e traballadores do sindicato na Galiza -cun cadro de persoal composto por 51 empregadas- en demanda dunha suba salarial de 8% entre 2022 e 2024.

Os representantes sindicais que defenden o cadro de persoal de CCOO na Galiza aseguran que coas súas reclamacións non piden "máis do que exixe o sindicato en calquera mesa de negociación". Demandan, así, a "mesma" suba salarial que exixiu esta forza sindical á patronal.

As protestas continuarán nos próximos días, e a representación laboral non descarta promover accións tras o anuncio de que nos próximos días estará na Galiza o secretario xeral no Estado español deste sindicato, Unai Sordo.

O propio Sordo apuntou recentemente en declaracións a Onda Cero que "un sindicato non é unha empresa nin pode actuar como tal porque non o é", polo que "a evolución dos salarios en CCOO non ten nada a ver coas empresas".

"Aquí non hai beneficios e debemos xestionar os nosos recursos con responsabilidade. Dentro das condicións laborais máis que dignas dos compañeiros de CCOO na Galiza hai que priorizar os dereitos da xente traballadora", precisou.

Esta folga, segundo afirmaron á axencia EFE desde o comité de empresa, está a ter un seguimento "de 100%" nas nove delegacións do sindicato na Galiza.