Suspenden o xuízo do persoal da cafetaría do Meixoeiro
A CIG protesta diante dos xulgados en denuncia polo proceso penal impulsado polo propietario da empresa Oh Vigo!
O xuízo previsto para os días 28, 29 e 30 de outubro contra o persoal da cafetaría do Hospital do Meixoeiro suspendeuse por enfermidade dunha das traballadoras acusadas. Segundo informan fontes da CIG, a vista retomarase os vindeiros 9, 10 e 11 de marzo de 2020.
Estes días a CIG convocara concentracións diante dos xulgados de Vigo para denunciar o proceso penal contra 13 traballadoras e traballadores, a maior parte con afiliación á sindical nacionalista, da cafetaría do Meixoeiro. A acusación fala de coaccións, ameazas e danos e solicita penas de entre 10 meses e catro anos de prisión e multas que en total ascenden a 800.000 euros.
A secretaria nacional da CIG-Servizos, Transi Fernández, explica a Sermos Galiza que non entende a suspensión do xuízo. “Foi petición da propia acusación particular coa escusa da enfermidade dunha da traballadoras que non pode asistir por cuestións médicas”, sinala a Sermos Galiza, “quixeron alongar este xuízo que está a causar grandes danos a moitas familias que viven a situación con moita ansiedade”.
Débedas do empresario
O propietario da empresa, Javier Valverde, mantén importantes débedas con Facenda e co propio persoal que agora está acusado. Segundo fontes sindicais en 2015 a CIG denunciou que o propietario de Oh Vigo! debíalle ao hospital o canon de máis de 117.000 euros por impago dos recibos de xullo, agosto, setembro, outubro e novembro; a Facenda debíalle máis de 43.000 euros; e á Seguridade Social máis de 73.000 euros. A Facenda da Xunta debíalle tamén 6.000 euros, e aos provedores arredor de 71.000. Ademais, tiña que asumir o canon de cando se construíu a cafetaría, que ascende a máis de 750.000 euros.
“Agora mesmo débelle ás traballadoras e traballadores entre 25.000 e 30.000 euros e ingrésalles 200 ou 300 euros por mes”, apunta Transi Fernández, “e son os ingresos que achega polas máquinas expendedoras que seguen a funcionar”.