Os sindicatos chaman a secundar este 15 de outubro os paros laborais contra o xenocidio en Gaza
A xornada de paros laborais para exixir a fin do xenocidio en Palestina comeza esta terza feira ás 10 da noite e prosegue na cuarta feira. Foi convocada antes da sinatura do chamado plan de paz para Gaza –asinado polo Goberno gazatí e o de Israel na sexta feira e que se formalizou antonte en Exipto–, un acordo de cesamento do fogo na Faixa de Gaza que foi incumprido esta terza feira polo Estado israelí, que matou varias persoas cando voltaban ás súas casas na Faixa tras rubricarse "a paz".
O chamamento céntrase na clase traballadora e na Galiza hai convocatorias e chamamentos á folga de todos os sindicatos e tamén da Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina. Os paros convocados pola CIG, de catro horas por quenda, comezan ás 22 horas da terza feira e duran até as 2 horas da cuarta feira, para as persoas con horario laboral nocturno. Proseguirán de 10 a 14, nas quendas de mañá, e nas de tarde de 18 a 22. UXT e CCOO convocaron paros de dúas horas, foron de 2 a 4 na madrugada, e serán de 10 a 12 e pola tarde de 17 a 19 horas.
Aliás, a CUT, o sindicato de profesorado STEG e CXT convocan folga xeral de 24 horas. Tamén no ensino, organizacións como Erguer-Estudantes da Galiza e o Sindicato de Estudantes chaman a parar e "baleirar as aulas".
"Parar" por xustiza
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinala en declaracións a este xornal que o pobo galego “leva mobilizándose por Palestina de forma constante desde hai dous anos” e chama a clase traballadora á mobilización “porque segue pendente facerse realidade a paz e a xustiza para Palestina”. Asegura Carril que o que se asinou en Exipto no acto capitaneado por Donald Trump é “un cesamento do fogo” que “non varía a xustificación” da convocatoria de folga. Destacou Carril que “segue habendo unha ocupación ilegal das terras dos palestinos” e exixiu unha “investigación exhaustiva” dos crimes de guerra cometidos na Faixa de Gaza.
Ademais desde a CIG consideran preciso “condenar a complicidade da UE e exixir que rache coas relacións preferentes e os acordos bilaterais con Israel”, como no caso do Estado español. Tamén demanda Carril “que a Xunta da Galiza deixe de situarse de perfil e se poña na defensa da legalidade internacional” e “cancele as súas relacións con Israel”. Palestina, lembra Carril, leva anos sufrindo unha represión diante da que “a Xunta da Galiza ten actuado de forma inhumana”.
Cristóbal Medeiros, responsábel de UXT na Galiza, fai un chamado á clase traballadora galega a secundar a folga e acudir ás mobilizacións por todo o país, “porque cremos que ningún plan pode considerarse de paz duradeira se exclúe o pobo palestino, se perpetúa a ocupación ou ignora as resolucións de Nacións Unidas”, afirma a Nós Diario.
Medeiros amosa a “cautela” do sindicato diante do plan de paz para Gaza. “Celebramos que se deteña o insoportábel bombardeo sobre a poboación ao igual que calquera política humanitaria respecto ás persoas que estaban secuestradas” pero, segundo o secretario xeral de UXT, “hai que exixir que o alto ao fogo sexa permanente e verificábel; que se asegure a axuda humanitaria; que se apoie a reconstrución de Gaza e se enfoque aos intereses do seu pobo, non á especulación estranxeira”. Desde UXT xustifican tamén a folga en demanda “por parte de todas as Administracións” de “plans urxentes de cooperación para Palestina”; e a investigación e proceso ás persoas e organizacións “que cometeran crimes de guerra e de lesa humanidade” e a “garantía de procesos de xustiza e reparación para as vítimas”.
No mesmo sentido, a secretaria xeral de CCOO na Galiza, Amelia Pérez, fai un chamamento “á clase traballadora galega para que o pobo palestino sinta o noso apoio”. Pérez, en declaracións a este xornal, anima todas as traballadoras e traballadores da Galiza a “parar e ser solidarias”, e asegurou que os paros convocados nesta xornada “teñen que axudar tamén a concienciar aos que aínda non teñen claro o que acontece en Gaza”.
Máis de 70 de mobilizacións
Na mañá desta cuarta feira decorrerán 15 mobilizacións convocadas pola CIG, ás 11 na Coruña, ás 11.30 en Vigo, Ourense e A Guarda, e ás 12 en Compostela, Lugo, Ferrol, Pontevedra, Carballo, Ribadeo, Monforte, Ribeira, A Estrada, Vilagarcía e Verín.
UXT e CCOO convocan concentracións ás 10 e ás 17 en Vigo, ás 10.30 na Coruña e Ourense (tamén ás 20), ás 11 en Compostela, ás 11,.30 en Lugo e Vilagarcía, e pola tarde en Viveiro, Pontevedra.
Ás sete da tarde haberá tamén concentracións convocadas pola CUT na Coruña, Cangas, Compostela e Ourense baixo o lema “Parar para parar o xenocidio”.
Aliás, a partir das 20 horas, decorrerán as mobilizacións convocadas pola Coordinadora Galega de Solidariedade con Palestina en 46 concellos, 3 que contan co apoio de varias centras sindicais como a CIG e de formacións políticas, chamando toda a sociedade a acudir.
Contra o masacre: Mobilizacións desde Galiza, a Euskadi e Catalunya
Os sindicatos nacionalistas CIG, a vasca ELA e a Intersindical de Catalunya sumaron as súas voces para a convocatoria desta cuarta feira de paros laborais demandando nun comunicado conxunto o “boicot a Israel”. Os tres sindicatos exixen “medidas políticas reais e efectivas” aos Gobernos da Galiza, Euskadi, Catalunya, ao Estado español e á Comisión Europea porque “nin un euro da clase traballadora pode ir parar a mans de calquera interese de Israel, nin os Gobernos nin as empresas deben comprar nin vender nada a Israel”. Os tres sindicatos demandan a aplicación do dereito de autodeterminación dos pobos “en toda Palestina, desde o río Xordán até o mar Mediterráneo”, garantindo “o dereito ao retorno de todas as persoas refuxiadas”. Consideran que “a mobilización e a presión social” deben ser “determinantes” para acadar este obxectivo.
En todo o estado español, alén dos paros convocados conxuntamente por CCOO e UGT, desde o anarcosindicalismo a CGT convocou unha folga xeral, que a CNT tamén chama a realizar.
Pontevedra para
O Goberno municipal de Pontevedra anunciou por medio dun comunicado que cancela a axenda pública da cuarta feira coincidindo cos paros da mañá e da tarde para exixir paz para Palestina.