O Goberno municipal de Pontevedra anuncia que participará nos paros laborais por Palestina
O Goberno municipal anunciou que cancelará a axenda pública no Concello de Pontevedra esta cuarta feira, 15 de outubro, entre as 10 e as 14 horas.
Os concelleiros e as concelleiras que forman parte do mesmo realizarán dúas quendas de parada, co obxectivo de sumarse á convocatoria de paros laborais por Palestina convocada pola CIG, e que estabelece dous paros de catro horas, un de mañá e outro de tarde.
Ademais, as edís participarán nas distintas mobilizacións convocadas ao longo de toda a xornada. Por outra parte, doarán a parte proporcional do seu salario a Unrwa, a axencia das Nacións Unidas (ONU) que traballa cos refuxiados e coas refuxiadas de Palestina por un futuro digno.
Desde o Goberno Local de Pontevedra explican que a súa participación se sitúa como "un acto simbólico de apoio e solidariedade co pobo palestino" no marco do xenocidio perpetrado por Israel na Faixa de Gaza.
Exclusión de Israel nas competición deportivas
Ademais, a responsábel local do BNG na cidade do Lérez, Sabela Bará, acompañada pola responsábel comarcal, Ana Peralba, e as concelleiras Anabel Gulías e Eva Vilaverde, entregou esta terza feira no rexistro da Deputación de Pontevedra as sinaturas recollidas na primeira semana da campaña para demandar a exclusión de Israel de toda clase de competicións deportivas.
As sinaturas están remitidas ao concello de Pontevedra, ao Consello Superior de Deportes e ás Federacións estatais de Triatlon e Natación. Bará calificou de "éxito rotundo, e de orgullo como veciña" a recollida en Pontevedra de sinaturas demandando que "o Estado xenocida de Israel non poida participar en evento de ningún tipo, polo xenocidio e a limpeza étnica que está realizando en Palestina".
"En apenas unha semana recollemos 2.256 sinaturas, o que manifesta claramente a dignidade, a humanidade e a solidariedade dos nosos veciños e veciñas". A campaña levada a cabo polo BNG anunciouse publicamente o pasado 26 de setembro e comezou o 29 do mesmo mes cunha mesa no campus universitario da cidade, ás que seguiron outras na praza da Peregrina e na praza do Hospital.